Cervo, 12 de xuño de 2013. O BNG eleva ao Parlamento Galego a problemática sobre a perda dunha praza de facultativo no Concello de Cervo despois de que o SERGAS non substituíse a baixa por xubilación do médico de familia do Ambulatorio da localidade de Cervo, adoptando como solución o traslado dunha das médicas do outro Centro de Saúde do concello en San Cibrao para cubrir a baixa existente no ambulatorio cervense, eliminando con esta medida unha das catro prazas de facultativos existentes no concello até a actualidade.
Os nacionalistas elevarán ao Parlamento Galego a demanda da veciñanza de Cervo para manter as catro prazas médicas existentes ate o momento no concello despois de que o SERGAS eliminase unha do Centro de Saúde de San Cibrao. O Parlamentario nacionalista, Cosme Pombo, defenderá o mantemento das catro prazas existentes e a cobertura da do Centro de Saúde de Cervo por persoal facultativo sen menoscabo do existente no outro centro de saúde do concello.
Para Xoán Antón Estúa, portavoz municipal nacionalista, “non se pode consentir que o SERGAS priorice os criterios economicistas sobre a calidade asistencial porque o servizo sanitario é un servizo e non un negocio”, neste sentido puxo riba da mesa criterios como a dispersión da poboación, o avellentamento ou os incrementos de poboación en determinadas épocas do ano que o SERGAS non parece ter en conta á hora de tomar este tipo de decisións.
O nacionalista criticou os intentos dos xestores do SERGAS para eliminar a praza de facultativo do centro de saúde de Cervo e o seu peche que se salvou grazas á mobilización social e reclamou a mesma mobilización do conxunto da sociedade cervense para manter os catro facultativos en activo no concello.
Estúa puxo en entredito o cumprimento dos rateos que o SERGAS esgrime para eliminar unha praza médica no concello, para o nacionalista os rateos do SERGAS non se sosteñen se os comparamos con outros concellos da área sanitaria con concellos que manteñen 570 e 600 habitantes por facultativo e outros como Cervo que chegan aos 1500. O nacionalista insistiu en que recortar en saúde é recortar en calidade de vida e o SERGAS aplica esta teoría sen contemplación chegando a argumentar que o recorte é unha mellora.