Burela, 17 de xuño de 2013. O emisario burelés foi inspeccionado por unha empresa cualificada hai quince días, e presenta un bo estado xeneral, sen ningún tipo de avaría ou fisura en todo o percorrido do mesmo, segundo explicaron esta mañá os concelleiros de Medio Ambiente e Obras, Patricia López Eijo, e Manuel Fernández Valle.
A edil popular dixo que “isto é o que se desprende do informe que unha empresa especializada en traballos submarinos presentou no Concello a pasada semana, logo da revisión realizada hai dúas semanas, e tal e como se manifestou no seu día no verán de 2011, cando unha avaría importante no emisario obrigou ó Concello a facer un investimento de 30.000 euros. Naquel momento anunciouse que se faría polo menos unha revisión anual do emisario para verificar o seu estado de conservación e funcionamento. Posteriormente, en 2012, detectouse unha pequena avaría que tamén se arranxou”.
Segundo os concelleiros de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, e de Obras, Manuel Fernández Valle, “ese ano aínda que se recibiu unha alarma que logo se demostrou infundada, a revisión xa estaba obviamente prevista, porque non podemos arriscarnos a que un fallo no emisario nos ocasione problemas”.
Os edís populares indicaron que “a inspección non se fixo antes por problemas co estado do mar e coa visibilidade; cando as condicións foron as que se precisaban, traballadores dunha empresa especializada fixeron un par de inmersións, para verificar o estado das avarías arranxadas en 2011 e para verificar o estado xeral do emisario”.
López Eijo e Fernández Valle tamén sinalaron que “isto non quere dicir que non se vaia producir un problema nos próximos días ou semanas, pero a día de hoxe podemos estar tranquilos”.
Finalmente, os concelleiros populares manifestaron que “a avaría de 2011, que se detectou ó pouco de chegar ao PP de novo ó goberno municipal, e que supuxo un desembolso de 30.000 euros para poder solucionala, puido terse evitado, ou polo menos minimizado, si se fixesen revisións anuais, como estamos facendo agora. O bipartito tiña que sospeitar algo porque en 2010 a praia de Portelo estivo pechada varios días por un problema de vertidos derivados do emisario, pero nin o por aquel entón alcalde, Alfredo Llano, nin a edil de Medio Ambiente, Lucía Bouza, estaban preocupados por ese asunto. Máis ben a Sra. Bouza estaba consentindo que os cans usaran as praias do Concello de forma absolutamente ilegal, pero non se enteraron de nada. Por iso resulta chocante que no último pleno o Sr. Llano se interesara polo estado do emisario, cando como alcalde nunca para el mirou”.