Santiago, 26 de xuño de 2013.- O Pleno do Parlamento de Galicia reprobou hoxe o pacto asinado por PSOE, Udival e BNG polo que, en palabras do deputado popular Jose Manuel Balseiro, estas tres forzas políticas “puxeron prezo á alcaldía do Valadouro”.
A Cámara galega amosa o seu enérxico rexeitamento a un pacto económico que inclúe unha cláusula pola que o novo equipo de goberno local (do que non forman parte os nacionalistas) asumiron o compromiso de indemnizarse mutuamente con 100.000 euros en caso de ruptura do pacto de goberno.
A resolución aprobada no pleno non se queda na mera reprobación e sinala que esta práctica desvirtúa o principio de representatividade democrática dos cargos públicos electos e converte á gobernabilidade municipal deste concello nunha mera transacción económica.
PACTO OCULTO
José Manuel Balseiro explicou que calquera dos feitos descritos son suficientemente graves, pero ademais, convén destacar, a día de hoxe PSOE, independentes e BNG seguen negándose a facer público o contido íntegro do documento notarial que recolle o pacto.
“Queren gobernar, están gobernando (de feito xa hoxe) en base a un pacto que manteñen oculto aos veciños, e que visto o visto pode conter calquera cousa”, sinalou o deputado.
DESCONFIANZA
Balseiro tamén sinalou que ademais de nacer a través dun pacto oculto , “non se fían os uns dos outros” xa que logo a existencia desa elevada cláusula en caso de ruptura, vén a poñer de relevo o grado de desconfianza existente entre os concelleiros do actual goberno local, o novo bipartito local.
“O Valadouro ten hoxe un goberno local no que un e outros concelleiros do equipo de goberno se miran de reollo, desde a desconfianza”, dixo Balseiro.
CONSECUENCIAS PERVERSAS
O deputado popular sinalou tamén a consecuencias perversas que podería dar lugar este pacto económico, “baseado non, nos intereses dos veciños deste concello, senón nun condicionante de tipo económico”.
“É tan sinxelo de entender como isto” –dixo Balseiro- “ou manteñen o pacto, ou se apoian, ao longo de toda a lexislatura, pase o que pase, ou terán que pagarse 100,000 euros. Da igual que o alcalde xestione ben ou mal os intereses dos veciños. Da igual o comportamento que podan ter cada un dos edís que forman parte do goberno. Non importa nada si mañá algún deles rouba, engana, defrauda, ou é, condenado, nun proceso xudicial, deben apoiarse incondicionalmente, porque están condenados a entenderse”.
BESTEIRO MUÑIDOR DA MERCANTILIZACIÓN DOS CONCELLOS
Segundo Balseiro, socialistas, independentes, coa complicidade do BNG, “converteron a política local nun amaño, nunha transacción mercantil, mercadearon coa alcaldía do Valadouro é, o que aínda é máis grave, fixéronno coa complicidade e beneplácito das direccións provinciais do PSdeG e do BNG o devandito acordo foi avalado e incluso promovido por persoas como Jose Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSOE na provincia e aspirante á liderar o socialismo galego que foi o seu muñidor, e que apunta ben o que debe ser o tipo de política que pretende aplicar no conxunto de Galicia”.
O parlamentario popular finalizou lembrando que a través desta reprobación “temos a oportunidade de dicir que O Valadouro non ten prezo. Que os únicos que poñen ou quitan alcaldes son os veciños cos seus votos e non cláusulas económicas. Que na democracia hai determinadas liñas vermellas que non se poden sobrepasar. E que a política nunca pode converterse nunha mera transacción comercial. Non abramos a porta autorizando estes amaños”.