O grupo municipal do PP de Viveiro ven de presentar unha moción pola que solicita que o Pleno adopte o acordo de establecer un protocolo para o izado de bandeiras durante as festas patronais no que soaría o himno galego coas bandeiras de Galicia e de Viveiro e o español co izado da bandeira de España.
Os populares recordan que dende o ano 2003, no que Roel tomou posesión como alcalde, non se volveu escoitar o himno español nas festas patronais de Viveiro xunto ao izado da bandeira española. Xa entón o grupo popular manifestou o seu interese polo asunto ao que o rexedor contestou que se establecería un protocolo para esta situación. Nove anos despois, denuncian os populares, “seguimos nas mesmas, sen que se interprete o himno español nin se estableza un protocolo de actuación”.
Os populares de Viveiro consideran que “a mesma sensibilidade que se ten co himno de Galicia, por ser o himno da nosa comunidade; se debería ter co español, que tamén nos representa a todos e todas”, sentenzan. Nese sentido, consideran escaso o argumento do rexedor ao apuntar que “non se interpreta por ser unha festa local”. Os populares recordan que “en agosto é cando máis xente visita Viveiro, chegada de diversos puntos de España, polo que merecen todo o noso respecto, compartindo con eles o himno español”.
Así pois, os populares consideran que “se deben poñer en valor todos aqueles símbolos e sinais de identidade que nos son propios”. “Nada mellor que as nosas bandeiras, española e galega; e os nosos himnos, español e galego, que nos identifican como españois e galegos”, conclúen.