Os socialistas preguntarán nos plenos dos municipios que rexeitaron o plan Innova-TE da Deputación as causas da renuncia a oito novos servizos tecnolóxicos gratuítos “que deixan os veciños e veciñas destes concellos en desigualdade con respecto a outras localidades da provincia”
O PSdeG de Lugo lamenta que 18 concellos da provincia, todos eles gobernados polo PP, renuncien ao plan gratuito Innova-TE da Deputación provincial, que agora está a implantar nos concellos adheridos un novo paquete de 8 servizos tecnolóxicos, entre eles as prazas públicas con wifi, por valor duns 35.000 euros por municipio. Os socialistas cren que esta renuncia é só por “cuestións partidistas”, e preguntarán nos plenos municipais de cada un dos concellos as causas do rexeitamento destes servizos, “que deixan os veciños e veciñas destes concellos en desigualdade con respecto a outras localidades da provincia”.
Os 17 concellos que non se sumaron desde o principio ao plan son Alfoz, Antas, Barreiros, Bóveda, Cospeito, O Courel, Xermade, Guntín, Ourol, Outeiro de Rei, Pantón, O Saviñao, Trabada, O Vicedo, Xove, Vilalba e O Valadouro (agora con alcalde socialista pero co PP no momento de terse sumado ao plan). Os 48 concellos que aceptaron este novo paquete de servizos terán rede wifi, mellora da calidade da banda longa, creación ou actualización da súa páxina web ou un equipo de 12 profesionais ás súa disposición para resolver dúbidas e darlles información e asesoramento sobre as TIC.
O caso de Foz
Os socialistas destacan o caso do concello de Foz, que foi o único dos 49 municipios adheridos ao plan desde o principio que agora rexeitou o novo paquete de oito servizos tecnolóxicos que lle aforrarían ao goberno local un gasto en servizos duns 35.000 euros. O caso é “especialmente grave” porque o gobernó focense gastou 24.800 euros para un plan de catro anos cunha ferramenta electrónica que xestiona unha empresa privada de Zaragoza e que, por riba, denuncian desde o PSdeG, “non cumpre con vantaxes que si ofrece o servizo do plan da Deputación, como a interconexión coas administracións”.