CERVO, 26 DE XUÑO. Os socialistas de Cervo non dan crédito ante as últimas declaracións feitas polos membros do PP, “toda persoa ten o dereito a manifestarse cando, cómo e polo asunto que considere. Son tan osados que intentan facer crer que manipulamos a certas persoas para que se revelasen dun xeito ou doutro. Esas serán as prácticas ás que están acostumados no Partido Popular, porque os socialistas en ningún caso actuamos así, que quede ben claro”.
Nesta mesma liña, aseguran que “entendemos que cadaquén actúa da maneira que considera, é unha opción persoal, as formas non darán máis ou menos razón. Pero non consentiremos que nos tachen de algo que non somos. Falan de que a oposición de Cervo está intentando politizar este asunto cando son eles os primeiros que intentan, desta maneira, desvirtuar o noso apoio ás demandas de tódolos veciños”.
Dende o PSOE de Cervo subliñan que con toda esta polémica “o único que pretenden é crispar ós veciños e así falar dun asunto paralelo para non ter que falar do problema real que é a perda dun médico no concello”.
Preguntas e explicacións
Precisamente, os socialistas de Cervo pregúntanlles en voz alta “qué xestións se están a facer dende o goberno do PP para manter os catro facultativos nos nosos centros de saúde. Despois do último pleno, no que votaron a favor de instar á Xunta de Galicia para defender o mesmo cadro de persoal que había antes desta situación, non volvemos a saber máis nada. A pesar de estar a sufrir, xa a día de hoxe, retrasos nas citas médicas de ata sete días”.
Engaden a seguinte cuestión, “¿por qué os concelleiros do PP non se integran na Comisión veciñal en defensa da sanidade en Cervo de maneira institucional e como partido político?, encontramos extraño que amosen o seu apoio na sesión plenaria e sen embargo sigan sen unirse a esta iniciativa veciñal”.
Por outro lado, lembran que “cando o bipartito decidiu crear unha cuarta praza de médico no noso concello, foi porque polo ano 2008, a lista de espera podía alcanzar ata os 15 días, segundo indicaba o propio PP naquel momento e aínda por riba, Cervo tivo que asumir no 2009 ó redor de 800 cartillas máis procedentes do Concello de Burela. Vendo o volumen de pacientes e estudiando a situación, o bipartito decidiu que a calidade asistencial podía ser mellorada con esta decisión. Agora o PP quere tirar por terra ese logro. Agradecemos que o goberno local traslade esta explicación a quen teña dúbidas”.
Rematan pedíndolle ó señor alcalde que transmita tamén de maneira urxente todo o exposto no pleno á Xunta, “estamos a falar da sanidade no noso municipio, este asunto non se pode medir en termos económicos, é un servizo que lle hai que prestar ós cidadáns de maneira universal, gratuita e de calidade”.
Afirman que “non hai máis voltas que darlle. O PP xoga con esa falsa austeridade da que xa estamos fartos, a situación económica non pode ser a disculpa para todo, menos cando vemos como sí se gastan os cartos en outras cousas. Estamos a falar, xunto coa educación e os servizos sociais, dun dos piares do benestar, polos que levamos loitando moitos anos”.