CERVO, 7 DE XUÑO. A Asociación de veciños de Cervo e Sargadelos agradece a afluencia masiva ás dúas concentracións convocadas para defender a praza de médico do centro de saúde de Cervo, “por segundo día consecutivo esta iniciativa foi todo un éxito. Agradecemos o apoio amosado polos veciños e as plataformas comarcais”.
Xa pasou unha semana dende que os veciños se deron conta de que as súas citas médicas eran derivadas ó centro de San Ciprián, “hoxe os medios fanse eco de que recibiremos un médico pero que o resto dos veciños verán mermado os servizos. Non queremos que se desvista un santo para vestir outro”.
Precisamente por estas noticias, “queremos transmitirlles ós veciños de San Ciprián que nesta defensa estamos todos a unha. O que queremos é que a Xunta de Galicia manteña tódolos servizos sanitarios do concello tal e como estaban. Que saiban que non nos vale esta solución”.
A incerteza de todos nós vai en aumento cada día que pasa, por iso “o vindeiro luns volveremos a concentrarnos ás 12.00 horas ás portas do centro de saúde. Non nos moveremos ata que se nos comunique o cando e o cómo”.