Cervo, 7 de xuño de 2013-A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, lamentou hoxe que o asesor do BNG na Deputación e edil en Cervo, Xoán Antón Estúa, “se sinta molesto” porque “o Concello leva anos traballando de maneira exhaustiva e continuada para vixiar a facturación eléctrica”. A concelleira asegura que “os servizos municipais de Intervención e Recadación controlan de forma coordinada cada factura eléctrica que entra no Rexistro e reclaman as facturas erróneas para que o Concello non pague nin un céntimo máis do que lle corresponde”.
A edil considera que “ao señor Estúa non lle gusta que fagamos o noso traballo, pero a nós tampouco nos gusta que el non faga o seu”. Pedreira lembra que o asesor do BNG na Deputación descoñecía a existencia dun informe no que se reclaman varias facturas erróneas a unha compañía eléctrica e que ten data de saída de outubro de 2012. “É normal que o señor asesor se sinta avergonzado de non ter pasado polo Rexistro Xeral dende hai máis de seis meses porque sabe que é o seu deber como oposición” engade a responsable de Facenda.
Un informe “do que temos coñecemento todo o goberno local, dende o alcalde ata eu mesma como edil de Facenda” manifesta Pedreira. “Se o señor Estúa non ten ganas de traballar ten que admitilo, pero non pode culparnos a nós”.