Representantes da Mesa de seguimento da crise en Mondoñedo e comarca, integrantes da plataforma Comarca de Mondoñedo unida, hostaleiros e artesáns da Cidade do Masma mantiveron encontros con responsables do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Asociación Ribeira Sacra Rural (que agrupa a corenta casas rurais da zona) e do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
A delegación mindoniense chegou a media mañá ao municipio de O Saviñao, onde visitou a adega Abadía da Cova e a área paisaxística do Cabo do mundo. Xa ao mediodía acudiron ao Centro do Viño da Ribeira Sacra para visitar o museo do viño que ofrece unha visión de conxunto de aspectos agrarios, históricos e etnográficos da comarca, alí mesmo compartiron un xantar de traballo co presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez e a presidenta da Asociación que promociona o Camiño de Santiago de Inverno, Aida Menéndez, quen comprometeu a súa participación e a de membros da súa asociación nas VI xornadas do peregrino que se celebrarán en A Mariña a primeira fin de semana do mes de xullo.
Os encontros continuaron en sesión de tarde en Doade, onde se encontraron con directivos da asociación Ribeira Sacra Rural que aglutina a corenta casas rurais da Ribeira Sacra tanto luguesa coma ourensá, na reunión tamén estaban presentes representantes do Consorcio de Turismo. Neste encontro decidiron crear un grupo de traballo mixto para a creación de paquetes turísticos nos que se oferten servizos de ámbalas dúas zonas e a promoción de produtos propios de cada lugar.
Pola parte mindoniense estiveron presentes Elena Candia e José Luís Fernández Ansedes, en representación da Comisión de seguimento da crise en Mondoñedo e a súa comarca; Jesús Chao, Ángel Marful e Fran Bouso, por parte da Plataforma Comarca de Mondoñedo unida, Manuel Tapia, como representante de ACIAM e Waldo González, Guillermo Redondas e Covadonga Ares como hostaleiros e artesáns.