O BNG de Alfoz Valadouro quere denunciar a existencia dun vertedoiro incontrolado a poucos metros da Ponte de Santa Mariña (parroquia de Mor), á beira dun camiño sinalizado polo Concello de Alfoz como “Ruta do Río Ouro”. Dáse a circunstancia de que ademais do letreiro que indica a existencia da devandita ruta, hai outro da Xunta co texto “Río Ouro. Rede Natura 2000”, información que nos conduce a unha morea de entullo, tubaxes, pneumáticos, e refugallos de alto risco contaminante, como filtros de maquinaria agrícola ou envases de lubricantes e carburantes de vehículos, cómpre salientar que o vertedoiro supón ademais un grande risco de incendio ao atoparse nunha zona semiboscosa e chea de mato.
Xa hai tempo que unha asociación local denunciou a situación (daquela a morea de lixo era moito máis pequena e non había presenza de produtos químicos) mais o Concello de Alfoz fixo caso omiso. Dende o BNG agardan que desta volta actúe con tanta celeridade como despois da comunicación urxente que diriximos ao Concello o pasado 10 de xuño, advertindo da presenza de refugallos voluminosos cortando pistas forestais na Grandadouro, situación que o Concello de Alfoz resolveu en 24 horas.