Foz a 17 de xullo de 2013.- Este sábado, 20 de xullo, o Bloque Nacionalista Galego vai celebrar en Foz a XX edición da súa tradicional chicharrada, dentro do conxunto de actos que os nacionalistas realizan na comarca da Mariña durante este mes para celebrar o Día da Patria Galega, que é o 25 de xullo e que este ano se centra en esixir máis soberanía para Galiza.
Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunto á lonxa, e dará comezo a partir das sete da tarde, contando neste acto coa participación do grupo de música tradicional de “O Feitizo” e de gaiteiros que animaran desde primeiras horas a festa.
Como xa ven sendo habitual desde hai anos, o prato forte desta xornada festivo – reivindicativa o BNG de Foz vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, xunto a liscos e chourizos. A aposta polo chicharro lañado faise por ser un prato característico da nosa dieta alimentar, e polo seu sabor, así como polas significacións que o chicharro tivo para o conxunto dos focegos e da xente da comarca como principal sostén nos anos da posguerra.
O feito de que esta xornada coincida cun momento de fonda crise económica que está a provocar graves consecuencias no sector primario, nomeadamente no agro e na pesca, dálle unha especial significación por tratarse tamén dunha xornada reivindicativa en apoio destes dous sectores produtivos centrais da nosa economía que so poden saír para diante se Galiza é máis soberana e pode decidir por si mesma e non que lle veña imposto polo Estado ou Europa, como sucede este mes co naval.
Este ano por primeira vez tamén vaise celebrar na explanada do muelle, xunto á festa, unha exhibición do xogo da billarda co Aberto que servirá para o Campionato Nacional deste tradicional deporte galego.
O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes vinte anos evidencia que se trata dunha festa de todos os veciños e veciñas de Foz e da Mariña e así se explica a implicación de todo o pobo, xa non só na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran con nós lañando o peixe así como aqueloutros que colaboran asando o chicharro.
Xa por último, o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir a explanada do Porto o vindeiro Sábado, 20 de xullo a partir das 19:00 horas a degustar chicharro lañado e a celebrar con nós esta tradicional romaría do verán focego.