O CD Burela FS Pescados Rubén presentou na mañá deste luns 15 de xullo a sétima edición do Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base da entidade laranxa, que arrancará o xoves, 18, e se prolongará ata o domingo, 21. Xunto ao vicepresidente do club, José Luis Sáez, estiveron no consitorio burelao a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro; o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna; o vicedirector do IES Monte Castelo, Alfonso Iglesias; e o delegado de A Mariña-El Progreso, Pablo Villapol.
José Luís Sáez destacou o esforzo da entidade mariñá para seguir coa cita nuns tempos nada doados para o deporte e agradeceu a gran resposta entre o alumnado, a predisposición do profesorado e o apoio aos colaboradores “por unha axuda moi necesaria para garantir a realización e continuidade deste campus”: “Neste sétimo ano recibiremos nenos de toda Galicia e Asturias, cunha alta participación de alumnado feminino, e teremos o privilexio de volver contar con técnicos e xogadores de recoñecido prestixio internacional no fútbol sala”.
O Concello e o IES Monte Castelo loaron a pervivencia “dun campus que conseguiu posicionarse como unha referencia na ensinanza do fútbol sala dentro e fóra de Galicia e que tenta superarse ano tras ano na experiencia, sabedoría e traxectoria do seu profesorado”. Dende Imdecum, Marcelino Luna tamén coincidiu con Piñeiro e Iglesias en aplaudir o percorrido da cita burelista e en amosar a súa dispoñibilidade para seguir mantendo a súa colaboración na promoción do deporte e a saúde entre a xuventude.
O Campus Laranxa conta co patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Concello de Burela e Fundación Imdecum, ademais da colaboración do Concello de Cervo, IES Monte Castelo e CEIP Vista Alegre. A Mariña-El Progreso é o xornal oficial do clínic.
Matrícula
Ata o martes 16 de xullo a matrícula estará aberta (de 6 e 16 anos) para gozar dunha cita que contará co ex-técnico do Caja Segovia e novo adestrador do Eto Gyor de Hungría, David Madrid, o director deportivo do Inter Movistar, Javier Lorente, e o seleccionador de Galicia Sub-23 Feminina, Manuel Castillo, ademais dos adestradores do Burela FS Pescados Rubén de Primeira, Juanlu Alonso e Quico Otero. A folla de inscrición está á disposición das persoas interesadas nas oficinas do club (avda. Arcadio Pardiñas, número 91) ou a través de www.burelafs.org/campus. As tarifas para o alumnado da ED EON Burela FS e dos clubs vinculados á entidade laranxa por convenios será de 35 euros e para o resto de 50. Aqueles/as alumnos/as que o desexen tamén poderán escoller entre un réxime de media pensión (25 euros máis) e un de pensión completa (60 euros máis).