Ribadeo, 8 de agosto de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, este xoves, na presentación dos Bonos Gastronómicos de Ribadeo, unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración coa área de Turismo da Deputación de Lugo, coa que se pretende promover o consumo de pratos típicos da zona así como dinamizar o turismo de Ribadeo e arredores. Na presentación tamén estiveron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez….
San Miguel, O Cabazo, La Solana, Casa Pepe, La Dorada del Cantábrico, Voar e o Parador de Turismo son os establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa. Os “Bonos Gastronómicos Ribadeo” teñen un custe de 60 euros e inclúen un menú degustación para dúas persoas formado por dous entrantes, dous pratos principais, postre, café e viño. Os bonos teñen unha validez de 6 meses desde o momento da súa adquisición e para disfrutalos será necesario facer as reservas nos restaurantes con 24 horas de antelación como mínimo.
Durante a súa intervención Antonio Veiga destacou “a importancia que ten a posta en marcha de iniciativas como os bonos gastronómicos á hora de dar a coñecer a nosa gastronomía e a calidade dos nosos produtos”, e insistiu en que “este é un elemento clave de cara á promoción turística de Ribadeo e o desenvolvemento económico da comarca”.
Os bonos, que se poden adquirir nos establecementos adheridos ou por compra on-line en http://gastrobonos.ribadeo.org, xorden como unha forma de agasallar unha experiencia gastronómica e vital que ofrece unha cociña próxima e contundente, nacida e cociñada na zona.