José Ramón Gómez Besteiro apostou este mércores en Ourense,onde mantén novos encontros cos militantes da provincia, por un PSdeG“que defenda diante da sociedade que estamos dispostos todos a saír xuntos desta situación, que ninguén vai quedar atrás, que vamos a pelexar por cada un dos cidadáns, e en materia de servizos sociais tamén”. “Somos cidadáns, non consumidores”, subliñou o candidato á secretaría xeral dos socialistas galegos: “A sanidade non é soamente para quen a pode pagar, nin os servizos sociais, nin as menciñas. Eu creo nunha sociedade mellor, e estou disposto a loitar por ela. Por iso, critico a esta dereita tan dura, que é capaz de poñerlle prezo a todo e non trata a todos por igual”.
O socialista, que se reuniu con persoas dependentes en Amoeiro,subliñou neste senso a necesidade de reactivar os investimentos en dependencia e políticas sociais, e garantir o acceso real e igualitario a estes servizos, despois de que Feijóo, “aproveitando a crise como coartada, recortase en 300 millóns o presupostopara protección e promoción social en Galicia dende a súa chegada á Xunta”.
Gómez Besteiro lembrou ademais que Feijóo“desentendeuse, da noite para a mañá, dos servizo de axuda no fogar, transferíndolle as competencias á administración local, iso si, sen os correspondentes recursos económicos”. “O sistema non é insostible, fixérono insostible eles, que se escudan na crise para aplicar as súas reformas ideolóxicas máis inxustas e reaccionarias, e desmantelar, un por un, os piares do Estado de Benestar”.
“As mulleres non poden pagar a ineficacia da dereita”
O candidato rexeitou que “as mulleres paguen a ineficacia” que demostra a dereita “asfixiando as políticas sociais”, pois “sonelas as que na súa maioría se ocupan de coidar ás persoas dependentes e ós nosos maiores”.“Se estas axudas e plans desaparecen,a muller non pode conciliar vida laboral e familiar, o queagrava o problema do desemprego feminino”, advertiu o socialista, recalcando neste senso que a taxa de mulleres no paro “duplicouse nos últimos 5 anos ata chega ó 20%, e sería xa do 25% se máis de 37.000 mozas galegas non emigraran dende o comezo da crise”.“Mentres a dereita se afana en mostrar ás mulleres o camiño de volta á casa, os socialistas temos que liberar o seu camiño de obstáculos en aras dunha sociedade cada vez máis corresponsable”, afirmou Gómez Besteiro, quen incidiu en que a súa proposta política para o PSdeG implica “unha visión transversal dende a perspectiva de xénero e de xuventude”.
“Sen equilibrio social, o país cae”
Ante o ataque “á xustiza social e ó avance da muller” que fai a dereita, o candidatoá secretaría xeral do PSdeGdefendeu a alternativa socialista como garante “daigualdade de oportunidades,e a participación e empoderamento da muller na sociedade para que acade plena autonomía económica e persoal”.Engadiu así mesmo que “o equilibrio social é o factor de estabilidade máis importante dun país. Cando non o hai, acentúanse as desigualdades e é imposible que poida concentrarse no seu desenvolvemento. Como cando a un equilibrista por aforrar lle sacamos a vara que lle dá estabilidade: sen equilibrio social, o país cae”.
Unha fonte de emprego
Besteiro subliñou que o investimento en dependencia, servizos e benestar social favorece ademais a recuperación económica, pois “os coñecidos como empregos brancosson unha das profesións de futuro do noso país, un sector dinámico e competitivo que ofrece traballo de calidade e estable, e con capacidade para dinamizar o noso rural”. Como mostra dese gran potencial, o socialista recalcou que coa posta en marcha da Lei de Dependencia “creáronse en 2009 en Galicia 8.800 empregos”.
A pesar diso, argumentou, a dereita de Feijóo “non ten interese en seguir aproveitandoesa oportunidade de creación de emprego a través da iniciativa pública”, como demostra que, “á diferenza do que si fai coas privadas, a Xunta se negue a concertar prazas na rede de pequenas residencias e centros de día que impulsamos no rural da provincia dende a Deputación de Lugo en colaboración con Concellos de todas as cores políticas”.
“Confío nos militantes”
O candidato á secretaría xeral do PSdeG subliñou con respecto ó proceso de consulta que afronta o partido que “un non debe presentarse ás primarias desconfiando dos seus compañeiros. Eu son o candidato da renovación, non da desconfianza nos militantes. Por iso, renunciei a levar observadores e interventores o día da votación. Confío na militancia do PSdeG”.