O BNG de Alfoz – Valadouro ven de rexistrar no Concello unha proposta na que esixen a clausura dun vertedoiro en Sonelle e a retirada da biomasa amoreada no monte de San Pedro; xa que consideran que se trata de dous lugares, ambos na parroquia de Mor, con alto risco de incendio.
Por unha banda, lembran que a extracción de area por mor das obras da concentración parcelaria en Sonelle deixou un espazo convertido agora en vertedoiro de entullo (restos de obra) e materia orgánica (herba seca, restos de poda…). Así, dende a asamblea local do BNG piden a clausura deste “vertedoiro de lixo incontrolado que conleva un evidente risco de incendio”, así coma a retirada dos refugallos alí depositados.
Igualmente, a presenza de biomasa a carón das instalacións dos depósitos de auga do monte de San Pedro entre un eucaliptal e un torreta de alta tensión dende hai uns mesese, preocupa aos nacionalistas que consideran que se trata “dunha combinación que orixina un altísimo perigo de incendio, nomeadamente se temos en conta os acontecementos que veñen tendo lugar nos últimos meses en Alfoz”, segundo o seu responsable local, Alfredo Freire.
Así, pois, o BNG tamén demanda que “o Concello de Alfoz esixa a retirada inmediata da biomasa amoreada a poucos metros dos depósitos de auga no monte de San Pedro, considerando que un posíbel incendio podería (ademais de orixinar un incendio forestal) afectar ao depósito de abastecemento e máis ao tendido eléctrico, deixando sen servizo de auga e luz a unha boa parte dos cidadáns de Alfoz”, conclúe Freire.