Riotorto 12 de outubro de 2013.-O Alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Xosé Gutiérrez Estoa, anunciou este sábado que remitirá unha carta a partir do luns aos colectivos sociais, aos colexios profesionais, as plataformas en defensa da sanidade, aos representantes institucionais, ao movemento veciñal, aos sindicatos, ás organizacións profesionais, as asociacións de doentes e en definitiva ao conxunto do tecido social, para convocar en réxime de autoconvocatoria unha xuntanza que se celebrará o sábado 26 ás 11:00 h na Casa da Cultura do Concello de Riotorto coa que se pretende facer unha fronte do conxunto da sociedade galega para derogar a orde que fixa o copago para determinadas doenzas crónicas e no seu defecto paralizar a súa aplicación en Galiza.
Estoa que foi o primeiro Alcalde que manifestou que no caso de que esta medida fose adiante o seu Concello faríase cargo do copago dos seus veciños indicou que “non teño dúbida algunha que a grande a maioría da sociedade, isto é esa grande maioría de xentes de ben, non podemos dar por bo unha proposta que deixa fora do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, pero hai máis porque tamén esa grande maioría de xentes de ben, temos unha responsabilidade coa nosa sociedade de hoxe e coa sociedade que lle imos deixar en herdanza aos nosos fillos. En definitiva tócanos a nos dar esa grande batalla social que garanta que a sanidade en Galiza vai seguir a ser algo universal e gratuíto. Non hai posibilidade de mellorar o presente, de dotar ao noso pobo duns estándares mínimos de calidade de vida se non somos quen de enfrontar a axenda da Xunta que é a mesma que ao do capital. É máis esta decisión non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, algo que recoñeceu o presidente da Xunta, o problema está en que o presidente da Xunta está nunha cruzada contra a sanidade pública e tanto lle ten que lle poida acontecer a unha persoa que careza de medios económicos”.
“Agardamos que a presión social obrigue ao PP a dar marcha atrás” afirmou Estoa posto que “a decisión do goberno significa cruzar todas as liñas vermellas xa que pretenden cobrar por medicamentos como Afinitor o el Tyverb utilizados para retrasar o cancro de mama, o Votrient ou Temodal utilizados para o tratamento do cancro de riñón e os tumores cerebrais respectivamente, a máis doutras medicacións como LCM prescritos para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos non resecabeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite c crónica. En definitiva estamos diante dun goberno sen alma que non coñece a palabra humanidade e que con decisións deste tipo non fai outra cousa que retratarse ou deixar claro que só goberna para os rico.Non pode ser máis clarificador do esquema mental deste Goberno as palabras do Vicepresidente do Goberno Galego, o Sr Rueda, ou do Alcalde de Ferrol e Presidente da FEGAMP, o Sr Rei, que consideraron unha cuestión menor prestar estes servizos aos cidadáns porque á marxe de tratarse dunha canallada demostra que carecen de corazón, sentimentos e humanidade.”
Estoa afirmou que “ as últimas decisións que ven de adoptar o Ministerio de Sanidade no que ten a ver co establecemento dun sistema de copagos para algunhas menciñas coas que se trataban doenzas tan sensíbeis como o cancro de mama ou ril, os tumores cerebrais, a leucemia ou a SIDA significan ao meu entender un salto cualitativo en todo o referido á política sanitaria por parte das administracións públicas, se queredes doutro xeito significan de facto a ruptura con todas a liñas vermellas que garantían a universalidade da sanidade. Non hai espazo para moitos matices posto que aquí só hai un camiño, isto é primeiramente instar ao Presidente da Xunta Galiza a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario e na mesma liña demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución”.