Mondoñedo, cidade literaria por excelencia, lugar no que viu a primeira luz Cunqueiro e verdadeiro epicentro da literatura de Ramón Loureiro, acollerá o día 18 de outubre, Día Grande de As San Lucas, a presentación de El lejano reino de la Vía Láctea.
Trátase da nova novela de Loureiro, que con esta obra completa a súa Triloxía do Norte, iniciada con Las galeras de Normandía e continuada con León de Bretaña.
A presentación deste novo libro de Loureiro, unha obra que o escritor rematou e datou en Mondoñedo, precisamente, será ás 12.30 horas no Salón de Plenos do Concello, como parte dos actos oficiais de renovación dos lazos de Irmandade entre Mondoñedo e Ferrol. Un acto, aberto ao público, ao que asistirán as corporacións municipais de ambalas dúas cidades.
Con esta presentación do libro, Loureiro e El lejano reino de la Vía Láctea fan acto de presenza no corazón do territorio literario do autor, nun acto que, a través da cultura, ven a dar un sentido novo ao xa mencionado Día Grande de As San Lucas, no que Mondoñedo acolle a más antiga das feiras de cantas Europa conserva: unha xornada na que centos e centos de cabalos de todas as razas (entre eles os cabalos bravos que en manada son traídos dende o monte, protagonizan un irrepetible espectáculo, pasando incluso ao trote ante a catedral) xurden en medio da brétema na máis literaria das cidades españolas: a cidade que elixiu como a súa definitiva morada o Mago Merlín.