Un ano máis, e van xa 13 edicións, ADEGA fai públicos os premios OSÍXENO e DIOXINA para recoñecer as actuacións de persoas ou colectivos a prol do ambiente (premio OSÍXENO) ou en contra (premio DIOXINA). En 2009 instituiuse o premio OSÍXENO DE HONRA para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país, que na súa primeira edición recibíu D. Isaac Díaz-Pardo.
Premios Osíxeno 2013, ás millores actuacións ambientais do ano
-Premio OSÍXENO 2013, categoría individual: Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, pola valente decisión de abandonar SOGAMA e a incineración e solicitar a incorporación á Mancomunidade do Barbanza para compostar os residuos urbanos.
-Premio OSÍXENO 2013 categoría colectivo: Equipa xurídica de Nunca Máis, por manter durante 11 anos a loita xudicial pola dignidade do pobo galego sinalando as responsabilidades dos verdadeiros culpábeis da catástrofe do Prestige.
-Premio OSÍXENO de honra 2013: Antón Masa, presidente da APDR por toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e defensa das rías e montes galegos fronte ás celulosas e os eucaliptos.
Premios Dioxina 2013, ás acccións máis nefastas para o ambiente
-Premio DIOXINA 2013 categoría individual: Carlos Muñoz, xefe do servizo de conservación na Coruña, un dos responsábeis dos masacres de lobos do Barbanza, do sangrado reiterado da lagoa da Frouxeira, e denunciado Fiscalia de Medio Ambiente polo dragado da ría de Ferrol (Rede Natura 2000) e a destrución de hábitats prioritarios.
-Premio DIOXINA 2013 categoría colectivo: Parlamentares da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que asinaron o vergoñento e manipulado informe sobre o estado das rías galegas, minimizando a responsabilidade da Xunta e o Estado na lamentábel situación destes espazos.
Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 11 de xaneiro a partires das 14:30h na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).