Jaime Cancio Rodríguez, Ana Mª López Campoamor, Mª Ángeles Veiga Varela, en representación do grupo Municipal UNIFOZ na Corporación Municipal de Foz, presentan unha moción pola que reclaman a “dotación con recursos suficientes das axudas que convoca a Xunta anualmente para a mellora das vivendas rurais”.
Así, dende Unifoz instan á Corporación Municipal a tomar este acordo para “poder atender as peticións solicitadas” e dar traslado do acordo ao Parlamento de Galicia.
Os concelleiros de Unifoz recordan que “dende fai anos a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, convoca anualmente axudas para melloras nas vivendas rurais”; pero, “nos últimos anos, produciuse un recorte na partida correspondente as estas axudas, que practicamente é como se non existiran”.
Por iso solicitan este incremento da partida destas axudas debido a que “o noso medio rural esta sufrindo un abandono e por conseguinte o deterioro das casas rurais están a producir a desaparición de moitas aldeas rurais” e tendo en conta que “estas axudas constitúen un estimulo para mellorar a habitabilidade das casas rurais, así como un estimulo a o emprego de pequenas empresas”.