FOZ, 30 DE ABRIL.- O deputado no Congreso –Pedro Sánchez Pérez-Castejón- compartirá este venres, 2 de maio, un encontro cos socialistas da Mariña. Será no marco da charla-coloquio “O cambio comeza por Europa, un PSOE ao servizo das persoas”, organizado por este Partido, en colaboración coa Agrupación de Barreiros, e que se celebrará na sede local do PSOE de Foz, a partires das 20:30 horas.
Deste xeito, o deputado explicará a militantes e simpatizantes, que ese día se den cita nas instalacións do Partido neste municipio mariñano, por que Europa necesita aos socialistas, así como as propostas e compromisos adquiridos polos candidatos se saen elexidos nas eleccións do 25 de maio.
Ampla traxectoria profesional e política
Pedro Sánchez ten 42 anos e é economista de profesión. Precisamente, compaxina a vocación de docente como profesor universitario de Estrutura Económica e Historia do Pensamento Económico, na Facultade de Ciencias Xurídicas e Empresariais da Universidade Camilo José Cela de Madrid, coa política, pois dende 2009 é deputado por Madrid nas Cortes Xerais.
Comezou a súa carreira política coa ocupación da secretaría xeral de Xuventudes Socialistas do seu distrito, Tetuán (Madrid). En 2004 obtivo a súa acta de concelleiro no Concello de Madrid, revalidando a mesma logo das eleccións municipais de 2007. Nos comicios de 2008, formou parte da candidatura socialista pola circunscripción da mesma Comunidade, acadando en 2009 a acta de deputado, logo da renuncia de Pedro Solves.
Durante o primeiro mandato foi voceiro adxunto na Comisión de Política Territorial e membro das comisións de Asuntos Exteriores e a Mixta de Asuntos Europeos; e, nas eleccións xerais de 2011, ocupou o undécimo posto da lista do PSOE por Madrid. Na actualidade, é voceiro da Comisión de Cambio Climático no Congreso dos Deputados, onde aporta os seus coñecementos de Economía ao Medio Ambiente.