Lugo, 23 de agosto de 2014.- A Xunta de Galicia está a traballar dende o pasado mes de xullo na preparación do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais. A delegada territorial do Executivo galego en Lugo, Raquel Arias, recordou este sábado que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está elaborando o devandito proxecto, para o que se están a realizar recopilación de datos do areal e distintas sesións de traballos de cara a dispoñer un proxecto que, previsiblemente, estará disposto o próximo verán.
Arias lembrou que o alcalde de Ribadeo é consciente do traballo que se está a levar a cabo neste proxecto consensuado, no que se colabora co propio concello ribadense e que nalgunha das sesións de traballo mesmo contou coa presenza do rexedor. Por iso, Arias lamentou “a actitude desleal” do alcalde, que un día amosa unha postura e outro “busca a foto, empregando chamamentos vitimistas e facendo uso do alarmismo”.
Segundo a delegada, a postura do alcalde “pódese entender como coherente” se o único que lle interesa é “o protagonismo”, ainda que teña que desautorizarse “falando e actuando de maneira contraria” ao que fai cando está cun equipo que se adica a traballar. Neste sentido, considerou “oportunista” a postura da Deputación, que na persoa do seu vicepresidente, aparece “para colocarse na imaxe”, co único afán de sumarse a un traballo para o que só tiveron críticas e nada construtivo que aportar.
Actuación en marcha
A praia das Catedrais, declarada Monumento Natural no ano 2005, converteuse nos últimos anos nun importante foco de atracción turística. A masiva afluencia de visitantes, en períodos puntuais, representa un problema de superación da capacidade de acollida e, en consecuencia, un risco para a conservación dos hábitats e formacións xeolóxicas que motivaron a súa declaración.
A Xunta considerou a necesidade de establecer medidas de cara a preservar este entorno que conta, sobre todo, durante o período estival cunha elevada afluencia de persoas que se achegan para disfrutar das singularidades do areal.
Ante esta situación, a Xunta puxo en marcha xa unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sustentable do recurso turístico. Tal e como expuxo arias este plan ten dúas fases.
A medio prazo, existe unha fase máis ampla, que consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais, no que se está a traballar dende hai preto dun mes e medio, como asegurou Arias. Pero, de xeito inmediato impulsouse outra, que supuxo, entre outras medidas, a disposición durante este mesmo verán dun servizo de persoal informativo que orienta aos usuarios do areal e a instalación de paneis informativos sobre este entorno. No seu conxunto, estas dúas medidas implican un investimento de 160.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego.
Así mesmo, a Xunta financia a contratación dunha persoa para o servizo na oficina de información turística de Ribadeo, así como dez socorristas nos areais ribadenses, boa parte deles destinados no areal das Catedrais. Por último, o Executivo galego entregou 4.200 guías informativas sobre a Mariña lucense que están dispoñibles nas oficinas de turismo da praia das Catedrais e de Ribadeo. Estas medidas súmanse ás actuacións postas en marcha para a regulación do uso público e a conservación da praia e o seu entorno.