O Burela FS Pescados Rubén vivirá este sábado, na 19ª xornada de Primeira División LNFS, unha pugna directa no ecuador da táboa coa visita á complicadísima pista do Peñíscola Bodegas Dunviro (pavillón municipal, 16.15 horas). “É un equipo que sobe bastante o seu rendemento na casa. Conseguiu impoñerse a Barcelona 3-2 e Inter 2-1, que só suman as derrotas entre eles e a de Peñíscola” advertía o adestrador laranxa, Juanlu Alonso.
Levantinos e mariñáns están empatados con 25 puntos, con novena e oitava prazas respectivamente; os 60 goles a favor, fronte aos 59 en contra, dálles unha lixeirísima vantaxe aos laranxas sobre os 58 a favor e 59 en contra dos locais desta semana. “É un rival directo e os tres puntos en xogo son moi importantes; quizais eles están un pouco máis obrigados a gañar ao xogar na casa pero para nós sacar tres puntos serían un golpe de efecto distancia en puntos e co golaverage ao noso favor” adiantaba Juanlu, que espera un encontro igualadísimo: “Os números na clasificación e o partido de ida, con 4-3 para nós, creo que serán un fiel reflexo do encontro; en condicións normais debería ser un partido apertadísimo” explicaba o técnico burelista. “É un cuadro novo, fisicamente moi intensa que leva os rivais ao límite”.
A expedición laranxa, que chegou esta mañá ao seu destino da 19ª xornada para adestrar ás 12.15 horas, dispoñerá de 11 xogadores na convocatoria. Non estará Isi, pendente de diagnóstico definitivo tras a lesión muscular que lle obrigou a retirarse o sábado ante Levante; Matamoros non poderá estar ao cento por cento, por un golpe no pé que lle impediu adestrar esta semana. Volverá Hélder, tras a súa participación con Galicia Sub-19 no Nacional de Barcelona.
Segundo a información facilitada polo Peñíscola, ás filas anfitrioas volve Asensio, lesionado os dous últimos partidos, e estará a nova fichaxe, Constantino ‘Kiki’ Vaporaki, incorporacións ás que se suman os xuvenís do CD Vinaròs FS.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 30 Hélder.





















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
