O próximo sábado 28 de febreiro o Praias de Barreiros viaxará a Sarria para enfrontarse á Peña Españolista nun partido que pode ser decisivo na loita polo ascenso á Liga Autonómica de Fútbol Sala.
Trala vitoria conseguida a pasada fin de semana en Barreiros ante o Talleres Vilaboa (7-1), o conxunto barreirense visitará a cancha do segundo clasificado. Un hipotético triunfo ante a Peña Españolista de Sarria deixaría ós mariñáns cunha vantaxe de 15 puntos, unha distancia que resultaría decisiva na loita polo primeiro posto da Liga Provincial Masculina de Lugo e, en consecuencia, polo ascenso de categoría.
O Praias de Barreiros ocupa a primeira posición da táboa con 39 puntos, contando os 13 partidos disputados como vitorias. A Peña Españolista de Sarria é segunda con 27 puntos (9 victorias e 4 derrotas). Se a estas circunstancias lle sumamos que o conxunto barreirense lle quedarían dous enfrontamentos ante o Riberas do Neira (que está fora da competición) e que se resolverán por 3 goles a 0, fai que unha hipotética vitoria do Praias de Barreiros resulte decisiva no devir da competición.
Nesta situación, o Praias de Barreiros atópase ante o seu primeiro “match ball” para acadar o título ligueiro e o consecuente ascenso de categoría.