Lugo, 16 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, informou este venres en rolda de prensa, xunto coa xefa territorial de Sanidade, Patricia Daporta, de que a campaña de vacinación contra a gripe ponse en marcha este ano na provincia de Lugo con 16.248 doses iniciais, “que se ampliará cando sexa necesario para cubrir toda a demanda que se rexistre”.
“O obxectivo principal”, explicou Raquel Arias, “é minimizar o impacto da gripe na saúde, tentando diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do seu padecemento”. Por elo, insistiu en que “é moi importante vacinarse”.
Nesta ocasión habilitaranse 152 puntos de vacinación en toda a provincia, entre eles, os centros de atención primaria; os centros médicos e consultas privadas e as residencias da Terceira Idade, públicas ou privadas. Tamén estará dispoñible a vacina nas unidades asistenciais a drogodependencias, nos centros de atención especializada ou nos centros penitenciarios.
A campaña 2015/16 dará comezo o próximo luns 19 de outubro e prolongarase ata o 19 de decembro. Ao longo destas 9 semanas, a vacina ofertarase de xeito continuado en tódolos puntos de vacinación, facilitando así a súa organización e o seu óptimo desenvolvemento.
A Consellería de Sanidade inviste preto de 1,9 millóns de euros na adquisición de 530.000 doses para a realización desta campaña en Galicia.
Este ano pon en marcha a web http//gripe.sergas.gal. Nesta páxina específica para a campaña da gripe os profesionais sanitarios poden atopar a información técnica e de xestión, que tamén se difunde polas canles habituais. Tamén dispón de contidos prácticos para a cidadanía en xeral.
Grupos de risco
Como en edicións anteriores, segundo explicou a delegada territorial, a campaña de vacinación diríxese aos maiores de 60 anos, e especialmente aos de máis de 65, e a aquelas persoas que teñen risco de sufrir unha gripe complicada. Neste grupo de risco inclúense as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.
Resumo campaña 2014
Como xa vén sendo habitual, a provincia de Lugo, despois da de Ourense, foi a que acadou unha maior taxa de vacinación, con cerca de 80.000 doses consumidas o ano pasado, segundo salientou Raquel Arias na súa comparecencia.
O 55,54% dos maiores de 65 anos recibiron a vacina e no grupo de poboación de entre 60 e 64 anos foron un 21,46% os vacinados, o que supuxo un total de 4.528 persoas das 21.100 que se atopaban nese tramo de idade na provincia.