Mondoñedo 5 de xaneiro de 2016.- Dentro do programa de dinamización dos Muíños, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, lembra que este martes, ás 16:00 horas, deu comezo o curso de formación Iniciación á olería mindoniense, organizado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Esta actividade desenvolverase entre este martes e o 26 de febreiro en horario de 16:00 a 19:00 horas de martes a venres.
O curso impártese por Chus Lage no Alfar dos Muíños, durante o que oito participantes iniciaranse nas técnicas do torneado dos oleiros de Mondoñedo, o seu xeito de preparar o barro, as formas e os usos. Os alumnos tamén estudarán as diferentes pezas que se elaboraban para os diferentes usos, observando as súas vantaxes e os seus inconvenientes, as diferentes decoracións e poranse en práctica os conceptos aprendidos traballando no torno para conseguir reproducir as pezas.
Recuperación pezas de olería tradicionais
Neste eido, a alcaldesa de Mondoñedo defende a necesidade de continuar a promover iniciativas que permitan manter viva a tradición de Mondoñedo e revitalizar o Barrio dos Muíños. Así, o Goberno local propón tamén a recuperación de pezas de olería tradicionais existentes “para a súa posta en valor”.
A rexedora popular explica que a idea é a de reforzar o alfar do Barrio dos Muíños a través da exposición de pezas tradicionais de barro cocido que forman parte da “historia de Mondoñedo, das súas técnicas de torneado e do seu xeito de preparar o barro”.
En definitiva, a proposta do Concello é a de crear un museo de olería “entre todos”, tanto coa implicación de persoas que coñecen o oficio a nivel local, como daquelas que dispoñen de pezas nas súas casas.