Martes, 16 de febreiro de 2016.- O Grupo Provincial do PP censura a parálise que vive a Deputación de Lugo e esíxelle ao presidente que “tome as rendas da institución dunha vez por todas”. Os populares fan estas manifestacións logo de ter presentado, hai xa dúas semanas, unha petición para que o bipartito convocara unha reunión extraordinaria do Consello da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) para a que aínda non fixaron data.
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, acusa ao socialista Darío Campos, presidente da Deputación e de Suplusa, de actuar de forma escurantista e de moverse fóra dos ámbitos de competencia do propio Consello de Administración da sociedade. “Non sabemos cal vai ser a súa política unha vez que non hai Orzamentos da Deputación e sabendo que os gastos menores de todo tipo ata os 150.000 euros os pode autorizar directamente o presidente”, explica Candia.
Os populares demandaron na última reunión coñecer aspectos concretos sobre as políticas e directrices da sociedade e, “varias semanas despois”, aínda non obtiveron resposta por parte do Señor Campos.
Así as cousas, os populares insisten en que se convoque “á maior brevidade posible” unha reunión extraordinaria do Consello de Suplusa para acordar o exercicio de accións no eido da competencia do Consello de Administración.
Os Estatutos reguladores da Sociedade Urbanística establecen no seu artigo 14 que o Consello de Administración se reunirá en cantas ocasións o convoque o presidente ou quen o represente. O presidente deberá convocar reunión extraordinaria cando o soliciten, polo menos, catro conselleiros, que son os que presentan a petición do PP.
En concreto, os populares queren que Darío Campos aclare a que vai destinar os gastos que pode autorizar o presidente, que son todos aqueles que non superen os 150.000 euros. Tamén reclaman datos os programas de actuación e a memoria de actividades e todas aquelas decisións sobre o funcionamento da sociedade que o bipartito “está levando a cabo de costas ao Consello de Administración”.