Cervo, 30 de marzo de 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, como presidente da comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), participa nunha xornada sobre a calidade do aire que se celebra este mércores en Valencia.
O rexedor municipal cervense explicou que este mércores “hai unha xornada organizada pola Federación Española de Municipios y Provincias en Valencia, que versa sobre a calidade do aire circunscrito sobre todo nas cidades. Os efectos negativos con respecto á calidade do aire prodúcense sobre todo nas cidades e diso é do que se está falando basicamente nesta xornada. Estanse explicando cuestións que son as que motivan esta contaminación, que procede basicamente do tráfico dos vehículos e tamén polas calefaccións. E, unha vez que estas cuestións están claramente expostas e creo que todos tamén nos damos conta a través dos medios de comunicación dos problemas que se producen coa calidade do aire en distintas cidades de España e tamén doutros países, esta xornada serve para que os distintos municipios e os seus rexedores que hoxe están aquí con nós poidan ver as alternativas para levar a cabo dentro das súas políticas de xestión dos seus concellos á hora de intentar minimizar o máximo posible estas partículas que son nocivas para o noso medio ambiente”.
Alfonso Villares engadiu que esta xornada “é interesante, porque preocuparnos polo medio ambiente é necesario nestes tempos, nos que ademais de prexudicarnos a nós hoxe en día tamén podemos prexudicar ás xeracións futuras. Por iso con esta xornada estase a facer o posible para que desde os distintos concellos, sobre todo cidades, sexan os seus xestores os que apliquen as medidas mellores para que a contaminación sexa a menor posible, porque non soamente afecta ás cidades pois esa contaminación tamén se estende ás zonas rurais do resto do país”.