Lugo, 11 de abril de 2016.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, informou este luns de que a Axencia Turismo de Galicia vén de convocar unha liña de axudas dotada con máis de 600.000 euros para fomentar a cooperación entre pequenos operadores turísticos das áreas rurais.
“O obxectivo desta orde de subvencións, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), é facilitar a colaboración entre os operadores á hora de organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como favorecer o desenvolvemento e a comercialización do turismo”, explicou Arias.
Desta maneira, as axudas permitirán que as pequenas empresas turísticas localizadas en áreas rurais cooperen para adquirir unha escala económica da que carecen individualmente e, consecuentemente, gañar competitividade no mercado.
A delegada fixo fincapé no feito de que estas subvencións, que se tramitarán en réxime de concorrencia competitiva, “contribuirán a apoiar aquelas actividades que dinamicen economicamente o rural” e animou aos pequenos operadores da provincia de Lugo situados neste ámbito “a colaborar entre si para poñer en valor os recursos turísticos da súa zona aproveitando o apoio que lles ofrece o goberno galego”.
O principal requisito para poder acceder ás subvencións é que a participación dos axentes estea vinculada a microempresas e que o proxecto teña unha orientación comercial. Deste xeito, os proxectos subvencionables consistirán no deseño, creación, promoción e comercialización de produtos turísticos, debendo ter carácter innovador e axustarse a unha serie de liña temáticas estreitamente relacionadas con recursos da nosa Comunidade.
Entre as propostas poderanse incluír aquelas encamiñadas á creación de paquetes integrais para peregrinos ao longo das diferentes etapas do Camiño de Santiago, así como as orientadas a prolongar a súa estadía en Galicia ao rematar a ruta.
O prazo de presentación de solicitudes para optar a esta liña de axudas rematará o día 12 de maio.
Por outra banda, Raquel Arias lembrou que “a Xunta mantén tamén aberta a convocatoria dunha liña de subvencións anuais para o impulso, a promoción e o apoio de iniciativas de calidade necesarias para cumprir cos esixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para obter ou renovar a Q de Calidade Turística”. Actualmente, na provincia de Lugo son 44 os establecementos e paraxes naturais recoñecidos con este distintivo.
Os conceptos obxecto das axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva cun crédito dispoñible para este ano de 90.000€, son aqueles procedentes de colaboracións externas e servizos asociados aos procesos de certificación como os custos de auditorías externas realizados por entidades acreditadas polo ICTE ou custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2016, unha vez acadada a certificación ou renovación do establecemento.