FAPACEL condena a presión da administración para a realización das probas de reválida de 6º curso e tilda de inaceptable a situación que sufriu un neno en Becerreá por deixar o exame en branco por indicación da súa familia e que foi “castigado” a pasar horas sen facer nada e ameazado coa expulsión do centro por indicación do inspector de zona.
A Administración educativa, por medio da inspección, está exercendo presión sobre as familias e os centros educativos para que se fagan as probas, sen ter en conta que a cidadanía ten capacidade crítica e é soberana para tomar as súas propias decisións, neste caso nun tema tan importante como é a educación, e contra unha lei que saiu adiante sen consenso político nin social.
A sociedade civil está a exercer o seu dereito de protestar ante unhas probas que considera innecesarias, porque a avaliación exércea o profesorado no seu traballo diario na aula. O diagnóstico hai tempo que está feito: temos demasiado fracaso e abandono escolar na secundaria, e iso non se resolve con exames nin clasificando ao alumnado e os centros, senón baixando o número de alumnado/aula para mellorar a atención educativa; con medidas de apoio, atendendo ás solicitudes de recursos humanos de profesorado especialista que se fan desde os servizos de orientación; con recursos materiais que facilitan os procesos de aprendizaxe…todo isto que a Administración educativa denega sistematicamente por basearse unicamente en criterios económicos e de eficiencia, pero que agora vai gastar millón e medio de euros en organizar estas probas (a Comunidade de Madrid xa adxudicou a unha empresa privada allea a educación a realización das probas LOMCE por 330.000€) para diagnosticar algo que xa está diagnosticado e que o que necesita é tratamento e solucións.
Desde FAPACEL, ANPAS GALEGAS e a PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO seguimos animando ás familias para que amosen o seu rexeitamento ás probas de 3º de primaria que terán lugar os días 24 e 25 deste mes,porque este non é o sistema educativo que queremos.