Viveiro, 16 de xuño de 2016.- O voceiro do GPP no Senado e candidato número un pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, asegurou este xoves en Viveiro que votar ao PP é a única alternativa segura fronte ao extremismo. “Na nosa provincia, onde Ciudadanos non vai conseguir un escano, votar ao partido de Albert Rivera é un voto perdido, un voto regalado aos radicais de Podemos”.
Por iso, Barreiro apelou ao voto útil, “nunca nos xogamos tanto nunhas eleccións”, matizou. A continuación, explicou que unha coalición de extremistas pretende derribar todo o bo que construímos: o noso sistema constitucional, a unidade de España, o progreso económico e a creación de emprego, que son o sostén das nosas pensións e do Estado de Benestar.
Rajoy investiu en Galicia en I+D+I 250 millóns de euros
Ademais, no transcurso da visita á empresa EV Viveiro, o dirixente popular reafirmou o compromiso do PP coas novas tecnoloxías, o desenvolvemento e a innovación. Puxo como exemplo os 250 millóns de euros investidos polo Goberno de Mariano Rajoy en Galicia en proxectos de I+D+I. “Son proxectos especialmente importantes polo impulso que supoñen na modernización do noso tecido produtivo”, subliñou.
José Manuel Barreiro lembrou que entre 2006 e 2011, co goberno do PSOE, segundo datos do Banco Mundial, o peso do PIB industrial caeu 6 puntos porcentuais e as empresas perderon 3 millóns de empregos. Na actualidade, co PP á fronte do Executivo de España, a industria é o sector que realiza o maior esforzo en innovación e I+D, arredor do 50%, e xera máis de 2.3 millóns de postos de traballo. “Non hai dúbida de que estamos conseguindo darlle a volta á situación e isto débese á aposta do Partido Popular pola política industrial como un dos principias eixos da nosa política económica”, concluíu.
Lugo aposta pola innovación
Pola súa parte, a Presidenta dos populares en Lugo, Elena Candia, reiterou a súa aposta persoal e a de todo o partido que dirixe pola “cultura da innovación e do emprendemento por ser condición necesaria para o crecemento de Lugo e do país”.
Durante a visita a EV Viveiro, Candia lamentouse da “actitude paralizante” doutras formacións políticas “coas propostas de avance que propoñemos dende o PP e que permiten xerar emprego e riqueza en Lugo e no país”.
Como exemplo, a líder dos populares en Lugo referiuse á negativa do PSOE e de En Marea co proxecto industrial aeronáutico de Rozas en Castro de Rei, impulsado pola Xunta de Galicia e que orixinará 600 empregos e máis de 100 millóns de investimentos nos vindeiros anos na provincia de Lugo.
Ademais, Candia amosouse confiada de que esta iniciativa levará o nome de Galicia por todo o mundo e colocará á nosa comunidade como referente mundial en canto á construción de avións non pilotados.