Barreiros, 14 de xuño de 2016.- O Concello inicia estes días as obras de construción da nova depuradora de Celeiro de Mariñaos, segundo deu a coñecer este martes o alcalde, Alfonso Fuente. O rexedor subliña que en breve serán moi poucas as zonas do concello nas que a rede de abastecemento teña fibrocemento.
O rexedor salientou que “esta nova depuradora de Celeiro de Mariñaos conta cuns depósitos de decantación para eliminar esa turbidez que ás veces sae cando o río ven revolto, e cun novo depósito cabeceira con máis capacidade. A verdade é que despois de rematadas estas obras vai quedar moi pouca parte do concello que teña xa fibrocemento na rede de abastecemento de agua. Estará toda a rede renovada e con capacidade para dar servizo a toda a xente que nos visita e a todas as vivendas dos veciños e das veciñas de Barreiros”.
Fuente Parga lembrou que “estes cartos saen dun convenio asinado no seu momento coa asociación de promotores, co que se conseguiu esa achega privada de máis de tres millóns e medio de euros coa que se puideron acometer estas obras”.
O alcalde de Barreiros dixo que “cando hoxe vexo unha noticia na prensa escrita na que un alcalde veciño, concretamente o de Ribadeo, demanda que a Xunta de Galicia revise toda a rede de auga do seu concello, me sorprende cando os membros do Bloque Nacionalista Galego aquí en Barreiros dicían que non podía a Xunta firmar ningún convenio co Concello de Barreiros porque quen tiña que pagar eran os promotores. Sorprende cómo neste caso tanto eu mesmo como outros membros da Xunta de Goberno temos que dar conta ante o contencioso do penal en Lugo por ter concedido unha serie de licencias, porque se dicía que non garantíamos os servizos, despois precisamente de ter firmado un convenio para garantilos, e para ter unha rede de auga renovada, moderna e que tivera capacidade, e despois a posteriori concedemos as licencias. Agora se ve que outros Concellos concederon licencias e resulta que non pasou moito tempo e xa vemos cómo non son capaces de garantir o servizo de abastecemento de auga”.
Alfonso Fuente Parga manifestou que “isto nos sorprende e indigna, ver cómo nin os veciños de Barreiros nin a Xunta, que somos todos, cando se lle pide algo á Xunta somos todos os galegos e galegas, resulta que non tiveron que poñer nin un só euro para a traída de Barreiros, para estas obras que se están levando a cabo, e resulta que se garantiron os servizos para poder despois dar as licencias. E vemos cómo noutros concellos que non se fixo intervención, que se deron licencias porque aí están todas estas vivendas, e alédome que os concellos medren, pero tamén hai que acordarse de garantir os servizos e non tirar, como nun momento dado eu creo que de enfado, o alcalde de Ribadeo me dicía un día que me preocupara do urbanismo e que deixara tranquila a praia das Catedrais. Agora non pasa moito tempo en ver como hai que preocuparse do que hai que preocuparse e hai que garantir os servizos”.
Para o rexedor barreirense “garantir os servizos é ter unha rede de auga moderna, una rede de abastecemento moderna que dea capacidade, é dicir, prestar uns bos servizos aos veciños”.
Finalmente o alcalde de Barreiros declarou que “a miña obriga é cos veciños de Barreiros, garantir eses servizos, e nós imos continuar adiante con esas obras de abastecemento de auga e mellora de depuradora. Para iso non pedimos nada a ninguén, simplemente o que fixemos foi que aquelas empresas que quixeron vir aquí a construír naquel momento os seus edificios, lles dixemos vostedes veñen aquí, pero antes pagan estas obras que hai que levar a cabo. Noutros sitios non se fixo así e agora o que se pide é que todos paguemos esas melloras. Insisto en que creo que Ribadeo se merece unha nova traída de auga, pero o que non se merece é esa forma de demandala agora. A miña competencia é en Barreiros e así vouna levar a cabo”.