Mondoñedo, 6 de xuño de 2016.- A concelleira de Facenda, Ángeles Rodríguez, pregúntalle ao PSOE o motivo polo cal durante oito anos de Goberno foron incapaces de facer fronte ao pagamento dunha factura a Cerámicas Sargadelos S.L. “Se recoñecen que existía un impago non entendemos por que en todos os anos que estiveron no Goberno non decidiron asumilo”, engade.
Primeiro van detrás das pancartas defendendo “de boquilla” a Sargadelos, pero recoñecen que existía un pagamento pendente que non se preocuparon en saldar. Os populares advírtenlle á socialista que poden recordarlle as facturas que deixaron sen pagar durante o seu Goberno e engaden que algunha mesmo ruborizaría á voceira do PSOE.
A edil popular sae así ao paso das declaracións feitas pola voceira municipal do PSOE á que lle recomenda que explique por que en todo este tempo non aboou esa contía se consideraba que estaba pendente de pagamento. “Éncheselles a boca falando do apoio a esta empresa e aos seus traballadores cando en realidade din que se lle debían 10.000 euros e agora critican ao PP cando o que vai facer é aquelo que os Servizos Xurídicos do Concello ditaminen”.
Ángeles Rodríguez critica a “irresponsabilidade e hipocrisía política e a forma de traballar da voceira do PSOE que desde o seu posto de asesora da Deputación de Lugo está máis pendente de facer puntos entre os socialistas que de traballar por Mondoñedo”.
“O que cómpre preguntar, se a señora Esperanza González di que existía unha factura sen pagar desde o 2006, é por que o seu Goberno non lle fixo fronte”, conclúe a concelleira.