Santiago, 4 de xullo de 2016.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá 150.000 euros na renovación da tubaria de abastecemento da Avenida de Bos Aires, no concello de Mondoñedo. O obxectivo principal é modernizar esta instalación, que presenta certas deficiencias de funcionamento pola súa antigüidade.
Así se recolle no convenio de colaboración asinado este luns en Santiago pola titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa da localidade, Elena Candia. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Con este convenio, que terá vixencia ata decembro de 2017, dáse un paso máis na colaboración establecida entre a consellería e o concello. Neste sentido, cómpre recordar que o mes pasado Mato asinou a orde de aprobación definitiva do PXOM de Mondoñedo, o que permitiu actualizar o planeamento vixente ata o momento, con 38 anos de antigüidade.
O departamento tamén ten previsto investir uns 150.000 euros na mellora de distintas prazas da localidade, unha actuación que se inscribe no Plan Hurbe. En concreto, actuarase na Praza da Catedral, dos Muíños, de San Juan, de Noriega Varela, así como no cruce de San Lázaro.
As melloras incluirán a reparación e renovación de pavimentos; a dotación de papeleiras; a adecuación de farolas; a construción de varandas para as escaleiras; e a creación de espazos libres de calidade. O obxectivo final é facer destas áreas uns lugares máis cómodos e agradables para a vida cotiá.