Burela, 11 de xullo de 2016. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Burela segue a impartir cursos de informática para nenas e nenos no verán.
Esta segunda serie de cursos vai dirixida a nenas e nenos de 11 a 13 anos e contará cun total de tres cursos: “Mecanografía”, “Procesador de textos” e “Elaboración de presentacións”. Os tres iniciaranse o 20 de xullo, impartirase de luns a venres e contarán cunha duración de 11 horas. Finalizarán o 4 de agosto.
O horario do curso de “Mecanografía para nenas e nenos” será de 9:30 a 10:30 horas. Neste curso amosarase a correcta posición das mans á hora de escribir nun computador. Os asistentes recibirán diferentes leccións que consistirán na repetición dunha serie de letras para adquirir certa axilidade. Empregarase un programa libre para esta fin.
O curso de “Procesador de textos para nenas e nenos” impartirase de 10:30 a 11:30 horas. Con esta actividade amosarase a crear todo tipo de documentos de texto a través do programa libre “Writer” incluído no paquete ofimático “LibreOffice”. Os alumnos aprenderán a darlle formato ao texto, inserir imaxes nun texto, crear horarios e calendarios, etc…
E O último dos cursos, desta segunda serie de actividades, será o de “Elaboración de presentacións para nenas e nenos”. Neste curso amosarase a crear presentacións de diapositivas mesturando texto, imaxes, formas e sons. O programa que se empregará para esta fin será o “Impress” incluído no paquete ofimático “LibreOffice”. Esta actividade terá un horario de 11:30 a 12:30 horas.
Para inscribirse nestas actividades ou para informarse sobre a terceira serie de cursos para nenas e nenos que comezará a mediados de agosto, poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo S/N, a través da páxina web https://cemit.xunta.gal ou enviando un correo á dirección: cemit.burela@xunta.gal.