Foz, 11 de xullo de 2016. Ten que ser novamente o BNG – Asembleas Abertas de Foz o que volva a mirar polos servizos sanitarios do noso concello.
Semella que a actual equipa directiva do SERGAS confórmase con mentir reiteradamente en notas informativas cando o BNG informa sobre as deficiencias xa sistémicas no noso Centro de Saúde.
Outra vez máis o SERGAS continúa co desleixo na adecuación do servizo que presta no Centro de Saúde de Foz. E o alcalde non sabe ou non contesta (segue sen facelo ao respecto das urxencias no CS, desmontadas hai xa mais dun ano cando nos acusara de mentir, e fora el quen nos enganaba).
O Centro de Saúde continúa “funcionando” cun sobresforzo xa case eterno dos seus traballadores, po mor das reiteradas e inadecuadas coberturas con medias xornadas d@s DUE, a inexistencia da cobertura das baixas nin de sanitarios nin de PSXs, a futura NON reposición da xubilación do persoal auxiliar de enfermería, e continúa sen cubrirse a reducción de xornada do Servizo de Odontoloxía e o de Pediatría.
O BNG sabe polos usuarios que comezan a recibir recitacións das datas do verán, que o Centro de Saúde de Foz podería quedar sen Servizo de Odontoloxía e Pediatría parte do verán, sen cubrir as vacacións dos outros facultativos nesta tempada estival e cunha previsión de contratación dun facultativo para a asistencia de usuarios desprazados que comezaría a traballar a mediados de xullo para atender unha poboación que nestes meses e o triplo da habitual do noso concello e que xa comezou a chegar e a sobrecargar os servizos.
Os nacionalistas continúan a demandar unha cobertura adecuada das urxencias sanitarias de tarde, continuamos a demandar a reposición das xubilacións, da cobertura das baixas, das reducións de xornada, unha adecuada planificación dos permisos dos profesionais, e menos escusas coma que non hai profesionais (contratar en precario por medias xornadas @s DUEs que substitúen os profesionais, cando teñen a ben substituílos, evidencia esta falacia).
Agardamos a previsible ocorrencia no desmentido do SERGAS e a xordomudez do alcalde portavoz do PP, namentres os veciños sofren deste maltrato e os visitantes desta “benvida”.