Burela, 19 de setembro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, felicita á concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, pola organización da Semana Europea da Mobilidade e subliña que a participación nas actividades está a ser extraordinaria.
O rexedor dixo: “quero felicitar á concelleira directamente porque Noelia Ben foi quen organizou e mellorou moito esta Semana da Mobilidade. En Galicia soamente hai dous concellos que fagan o que facemos nosoutros, dous en total, Vigo e nós, organizando unhas xornadas desta importancia e con esta categoría, o que significa que aquí collemos as cousas con interese e que dentro do marxe en que poidamos levar a cabo as cousas facémolo co máximo nivel. A organización é fabulosa e a participación extraordinaria”.
Para Llano “o que se pretende con estas xornadas é que repercuta no medio ambiente, na forma de usar os vehículos, en potenciar fórmulas de andar sen necesidade de utilizar os vehículos en moitos sitios indo andando ou en bicicleta, determinar cómo se mellora a condución dun vehículo, cómo se pode levar o mantemento doutra maneira que contamine o menos posible e que sexa máis efectivo, tratar de ver as novas tecnoloxías agora de condución como son os coches híbridos, os eléctricos. Ver cómo se interpreta sobre todo para os máis novos porque viñeron moitos rapaces dos colexios vendo a seguridade viaria, promover a través dos máis novos os coñecementos de cómo se poden mover un con todas as garantías a través das rúas interpretando ben os sinais e os semáforos”.
O alcalde burelés engadiu que “todo iso con moitas actividades que se levaron adiante todos estes días, foi un atractivo moi grande para a comarca da Mariña a través das actividades que se fixeron en Burela e desde logo a efectividade e o obxectivo desta Semana da Mobilidade penso que quedou perfectamente demostrada e ben aplicada.
Houbo moitas asociacións e colectivos de Burela que participaron nesta edición, hai que agradecerlles tamén a súa participación e a maneira en que o fixeron. Houbo moita participación en diferentes actos de xente de Burela e de fora de Burela que estiveron aquí vendo as diferentes temáticas que se ían aplicando”.
Alfredo Llano considera que “foron uns días eu creo que extraordinarios e ademais quedou moi claro que a Semana da Mobilidade tivo repercusión e téntase polo menos chegar co fin último de mentalizar e preocuparse de que tanto as cidades como as vilas e os pobos sexan máis habitables e aplicar fórmulas para que iso sexa así”.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade concluirán o vindeiro xoves, 22 de setembro, en Burela. Estes días haberá circuítos de karts e de educación vial e tamén charlas.