A exposición “Homes e bestas. Tradición cabalar en Mondoñedo” de Joe Álvez e Sergio López Maseda será inaugurada no complexo Regalxunqueira este xoves 15 de decembro a partir das 20.00 horas. Permanecerá na Sala de Exposicións de REGALXUNQUEIRA – Viveiro ata o 31 de xaneiro.
Esta mostra de 39 fotografías recolle impactantes fotografías da rapa das bestas de Campo do Oso, en Mondoñedo nos anos 70 e dende 1998 á actualidade. Tamén se recollen instantáneas da feira cabalar das San Lucas e da baixada dos cabalos do monte para as populares feiras mindonienses nos últimos anos. As instantáneas recollen o traballo fotoxornalístico de José María Álvez Marciel dende a súa chegada á comarca da Mariña para traballar en El Progreso ata a actualidade. Cada unha delas mostra a paixón do fotógrafo por esta tradición ancestral que no caso de Campo do Oso segue mantendo a esencia dos primeiros anos, polo que a loita entre o cabalo e o home segue sendo o centro do espectáculo. Este feito queda perfectamente constatado nas nove fotos que se engaden á exposición do fotógrafo burelés, Sergio López, e que recollen a rapa nos anos 70.
Impresas en branco e negro, as fotografías transmiten unha tradición que na Mariña se mantén viva en distintos puntos e que se vincula directamente coa actividade dos gandeiros que seguen coa cría de gando en liberdade no monte. As fotografías contan, deste xeito, non só a tradición da rapa en si mesma en Mondoñedo senón tamén a daqueles que permiten mantela viva co paso dos anos.