Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017.- A Dirección Xeral de Emerxencias vén de incorporar ao Concello de Foz á rede de comunicacións de emerxencias Tetra da Xunta de Galicia.
A administración autonómica fíxolle entrega esta mañá de 8 terminais de comunicación. Ademais, os responsables e integrantes destes servizos de emerxencias tiveron unha sesión formativa, co obxectivo de implantar o correcto uso destes equipos de comunicacións nos seus servizos.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, continúa así co despregue da rede de comunicacións Tetra, un sistema que permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias.
A nosa comunidade conta dende o ano pasado cunha rede de telecomunicacións propia que permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias integrados nela: bombeiros, policía, urxencias sanitarias, 112, GES, Protección Civil, Incendios Forestais, entre outras.
A Rede da Xunta emprega a tecnoloxía Tetra, a máis punteira para este tipo de redes de seguridade pública e que se caracteriza pola súa probada fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación, como accidentes, desastres naturais ou grandes aglomeracións. Esta rede ponse a disposición de distintos organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias, así como un aforro efectivo no gasto en teléfonos móbiles e sistemas locais.
Os corpos de emerxencia e seguridade autonómicos xa integrados na Rede son: Axencia Galega de Emerxencias, Policía Autonómica UPA, 112 – Emerxencias Galicia, Servizo Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), Urxencias Sanitarias – 061.