Viveiro a 12 de maio de 2017. No Pleno do 29 de decembro de 2015 onde se debatían os presupostos para o 2016, o Sr. Fraga – agora en Non adscritos e naquel momento no BNG – daba o seu apoio á Sra. Loureiro para sacar adiante os mencionados presupostos despois de negociar a inclusión dunha serie de medidas.
Unha delas era unha baixada do 5% no IVTM – Imposto de vehículos – para o 2017. Pois ben, polo que se pode comprobar a negociación non debeu de ser nin moi seria nin moi rigurosa, xa que chegados os recibos deste imposto para este ano, podese comprobar como é a mesma cantidade cos do 2016, non habendo ningunha baixada, co que queda ben claro que non se aplicou tal medida, por certo, medida moi vendida tanto polos socialistas como polos ex do BNG e que agora se demostra, 17 meses despois, que era inviable.
Despois de vendela como un logro motivado polo acordo entre ambos grupos, agora resulta que era fume, xa que os informes técnicos non eran favorables e non se podía levar a práctica. Todo un exemplo de boa negociación e que pon de manifesto como se xestiona por parte da Sra. Alcaldesa e o seus socios.
Dende o PP de Viveiro agardamos que polo ben dos veciños de Viveiro non fagan máis negociacións enganosas deste tipo, e que para as próximas teñan en conta primeiro os informes técnicos preceptivos e logo pasen a negociación política, seguro que así ditas negociacións resultarán moito máis proveitosas e beneficiosas para o conxunto da cidadanía.
Antonio J. Bouza Rodil
Portavoz PP de Viveiro