Lugo, 30 de novembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Secretaria Xeral do MINOM, Ana Mercedes Stoffel, asinaron estes xoves a acta de recepción de todo o arquivo documental orixinal do Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía, que dende hoxe acolle o Museo de Tor para a súa consulta. No acto tamén participaron o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, así como outro representantes do MINOM.
Campos Conde agradeceu ao MINOM o feito de escoller á Deputación de Lugo entre todas as institucións a nivel mundial para custodiar o seu chamado Arquivo Núcleo Documental, que recolle a intensa actividade desta corrente cultural internacional, que xurdiu en Portugal na década dos 70, durante os últimos 40 anos. Por exemplo, documentación dos seus encontros, reunións e congresos internacionais ou as memorias e dossieres de grandes pensadores mundiais da museoloxía social, como Hugues de Varine e Pierre Mayrand.
Recoñecemento
O Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía fixo esta elección en recoñecemento da labor social que o Goberno da Deputación tamén leva a cabo dende a Rede Museística Provincial, pois facilita o acceso e coñecemento sobre o patrimonio e a cultura da provincia a todos os lucenses, “aos seus verdadeiros propietarios”, por igual. Faino desenvolvendo programacións e actividades que rompen barreiras, dirixidas especialmente aos colectivos máis vulnerables. Son exemplo disto os programas Fotografía a Cegas, Nós+Outrxs ou Culturas en Diálogo, entre outras.
E é que o Goberno Provincial fixo que a Deputación sexa a día de hoxe a única institución en España que traballa de xeito permanente dende os catro museos provincias con este modelo de sociomuseoloxía, que comparte co MINON. Trátase dun modelo que estudan 9 universidades e 11 países e que fixo da Rede Museística Provincial un referente na corrente da Museoloxía Social en Europa. “Quero recoñecer e pór en valor o traballo que levan a cabo os traballadores da Deputación para que isto sexa posible”, subliñou o Presidente.
MINOM
O Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía é unha rama do Consello Internacional de Museos (ICOM) que busca que as institucións museísticas xeren accións patrimoniais nas que se impliquen aos colectivos sociais. O Museo de Tor custodia dende hoxe todo o seu fondo documental orixinal, que recolle o conxunto do seu traballo en defensa do acercamento antropolóxico ao patrimonio.
XIX Congreso Internacional MINOM-ICOM
Tras a sinatura da acta de recepción, o Presidente e os membros da executiva do MINOM mantiveron unha reunión para valorar a proposta do Goberno da Deputación para que Lugo sexa a sede da XIX Conferencia Internacional MINOM-ICOM, que se celebrará no 2019. A última conferencia, na que participaron máis de 350 persoas, tivo lugar en Córdoba, Arxentina.
Conferencia e mesas redonda hoxe no Museo de San Paio de Narla
O Goberno da Deputación aproveita a estancia durante o día de hoxe dos representantes do Movemento Internacional para Unha Nova Museoloxía para ofrecer esta tarde no Museo de San Paio de Narla, en Friol, unha conferencia sobre o Núcleo Documental que custodia o Museo de Tor e unha mesa redonda sobre a Museoloxía Social, na que participarán expertos do MINOM e da Rede Museística Provincial.








A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.