Ribadeo, 30 de novembro de 2017. No pleno celebrado onte no Concello de Ribadeo aprobouse o orzamento municipal de 2018 que ascende a preto de nove millóns e medio de euros. O alcalde, Fernando Suárez, móstrase moi orgulloso de ter xa o presuposto listo e cualifícao de equilibrado. As contas inclúen obras importantes como as que se acometerán na avenida Ría de Ribadeo e na rúa San Roque. Ademais por unanimidade aprobouse a creación dunha comisión que determine o modelo de xestión da nova residencia de maiores de Ribadeo.
O rexedor ribadense manifestou esta mañá que “foi importante e interesante o pleno ordinario que celebramos onte con moitísimos puntos da orde do día aprobados por unanimidade, e con asuntos moi importantes para o futuro máis inmediato de Ribadeo. Eu penso que o máis importante dunha Corporación é o orzamento municipal que neste ano temos o orgullo de poder dicir que aprobamos o orzamento do 2018 neste ano 2017, e que vai entrar en vigor seguramente a finais deste ano. É algo que a lei establece que sexa así, pero que a maioría de Concellos non o fan, e nosoutros en Ribadeo estamos moi orgullosos de facelo así”.
Fernando Suárez dixo que “presentamos un orzamento entendemos que equilibrado nos ingresos, no senso de presupostar ingresos cos principios de prudencia sen botar as campás ao vo. Ao mesmo tempo co orgullo de poder dicir que non subimos os impostos nin as taxas coa excepción do IPC aplicado á piscina municipal, segundo ven no contrato de concesión, pero polo resto non subimos ningún tributo nin ningunha taxa municipal”.
O alcalde declarou que “no apartado de gastos está o incremento na dotación para a prestación do servizo de axuda no fogar un ano máis, e tamén dunha serie de obras de infraestruturas importantes tanto para a vila como para as parroquias. Queremos seguir avanzando no saneamento municipal, no amaño de camiños e de pistas municipais, e tamén no ámbito da vila queremos dar conta desta gran obra que pretendemos levar adiante a principios do ano 2018, como é a mellora e a humanización da avenida da Ría de Ribadeo. Este acceso principal leva moitos anos configurado para turismos e vehículos, pero non como un lugar para que as persoas poidan camiñar con seguridade. Queremos humanizalo e queremos dar seguridade a que calquera persoa da vila que queira ir andando ata estes lugares de centros comerciais e de diferentes tendas e servizos que hai ao longo e ancho desta avenida poida facelo con seguridade”. E seguiu a relatar: “tamén queremos aproveitar o inicio de ano para facer unha actuación moi importante na rúa San Roque. Hai moitísimos anos que non se lle toca e ten graves problemas de inundacións, desprendemento de plaquetas, etc… Queremos facer unha rúa axeitada ao que é, unha das rúas máis bonitas de Ribadeo e de Galicia, e queremos actuar para que haxa a posteriori movemento económico, poidan abrir máis tendas, máis negocios, máis bares, terrazas, etc… Queremos aprobar canto antes o orzamento municipal para poder actuar en todas estas necesidades que ten Ribadeo e a súa xente”.
Fernando Suárez comentou: “tamén é de destacar a baixada dos xuros da débeda coas entidades financeiras polo tanto cada vez pagamos menos de xuro, e iso determina que poidamos ter máis diñeiro para efectuar inversións”.
O rexedor salientou que “outro dos puntos importantes que se aprobou por unanimidade no pleno de onte, foi o relativo á creación dunha comisión especial para o estudo e o informe da forma de xestión da residencia para maiores de Ribadeo. Seguemos dando pasos na liña que todos, ou case todos, nos conxuramos hai varios anos para que Ribadeo tivera unha residencia. Agora rematadas as obras, o continente, estando a piques de ter resolto o contido, é dicir o equipamento, é o momento de dar este novo paso creando unha comisión que por lei ten que estar creada, para determinar dentro das fórmulas posibles, dentro da legalidade vixente actual, qué é o que pode facer o Concello para xestionar esta residencia. Mirar pola xestión directa ou indirecta, cales son os pros e os contras, e esta comisión xunto cos técnicos municipais e coa auditoría que se está realizando nestes días, teremos que determinar cal é o procedemento para trasladarllo á Xunta para que nos dea autorización de funcionamento. A Xunta, máis aló de se deu ou non deu diñeiro, que ata o de agora falta o primeiro céntimo que dera para a residencia de Ribadeo, si que é obrigado que nos dea luz verde. Igual que nola deu no seu momento para iniciar a construción aínda que non puxera un peso, tamén agora terá que darnos luz verde para a xestión, e por iso é necesario a creación desta comisión”.
Estrada N-642
Sobre outros asuntos debatidos no pleno de onte Suárez Barcia explicou que “tamén por unanimidade o Concello acordou dirixirse ao Ministerio de Fomento para que dunha vez por todas amañe, dunha maneira digna e eficaz, o treito da N-642 entre Ribadeo e Porto. Está moi deteriorado, é moi perigoso, sobre todo para motociclistas e para ciclistas porque non hai arcén, está cheo de grixo, téñense producido ultimamente accidentes, e o día menos pensado vai pasar algo grave. Pedímoslle ao Ministerio de Fomento que dunha vez por todas nos trate a este treito de Ribadeo da N-642 como a estivo tratando de Porto cara a Lugo, a Meira e A Pontenova, que está en aglomerado, e en perfecto estado de revista, non así este treito en Ribadeo. Ao mesmo tempo dimos conta do que lle estamos pedindo á Deputación para este 2018, son peticións de arranxos en diversos viarios provinciais neste termo municipal. Os viarios da Deputación están nunha situación moi deteriorada desde hai moito tempo, especialmente aqueles das parroquias do interior, necesitan con urxencia unha actuación, que confiemos que se dea neste 2018. Así llo pedimos sinceramente, así lle describimos cales eran as necesidades e confiemos que en breve poidamos ter noticias positivas ao respecto”.
O alcalde comentou que “tamén houbo unha serie de mocións, catro concretamente do grupo municipal do PSOE sobre a situación de Feve, sobre o medio rural galego, sobre o 25 de novembro e sobre a vaga de incendios que asolou Galicia que foron votadas polo noso grupo favorablemente. Ao mesmo tempo houbo unha moción do noso grupo municipal do BNG sobre o 25 de novembro, sobre a violencia de xénero e o maior esforzo que debe facer a Xunta de Galicia e o goberno estatal. Houbo algúns rogos e preguntas, algúns máis acertados e outros menos. Intentamos cumprir todos aqueles rogos que son posibles, e en canto ás preguntas intentamos responder todas na súa totalidade sen esperar ao seguinte pleno”.







A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.