Lugo, a 23 de xaneiro de 2018.- Este martes presentouse na Galería Sargadelos de Lugo a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a defensa do Bosque Autóctono e a Loita contra os Incendios Forestais, promovida por Cousa de Raíces, unha rede de 60 entidades galegas de diversa índole (ambiental, social, veciñal, cultural, de montes, da investigación ou de produtores/as) que representa un amplo aspectro da sociedade, e pola Alianza por un rural galego vivo, conformada por CIG, FRUGA e a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM). Os membros das organizacións promotoras presentes na rolda de prensa, Roi Cuba de Cousa de Raíces, Miguel Fernández da CIG e Elías Somoza da FRUGA, deron conta dos motivos que levaron a unha grande parte da sociedade galega a promover unha nova lei autonómica que favoreza a conservación das especies forestais autóctonas e o seu aproveitamento sostible fronte a un modelo de xestión do monte forestalista, baseado no monocultivo de especies foráneas, especialmente do eucalipto, que non achega valor engadido e que ademais impacta de forma negativa no territorio.
Roi Cuba, o representante de Cousa de Raíces, indicou que un de cada cinco metros cadrados do solo galego está ocupado por eucalipto (o 17% das superficie total de Galiza), e que o actual modelo forestal da Xunta só favorece a colonización dos montes por especies pirófitas e foráneas, o abandono das terras agrarias, a desestruturación dos montes veciñais e a tala de frondosas para a súa posterior eucaliptización. Todo para favorecer o oligopolio da industria pasteira e enerxética, do que se fai depender a meirande parte dos nosos montes. Pola contra, a través desta ILP procúrase unha normativa que recoñeza o valor das especies propias e os servizos que nos ofrecen á sociedade, que desbote o monocultivo do eucalipto fronte a un modelo de monte diverso e multifuncional, que consiga frear os incendios forestais ligados á falta de xestión do monte e ao cultivo de especies pirófitas, que favoreza o asentamento no rural e que nos permita enfrontarnos con máis recursos á mudanza climática.
ALGUNHAS PROPOSTAS DA ILP A PROL DO BOSQUE AUTÓCTONO
-Valorizar e favorecer a conservación do bosque autóctono
Esta iniciativa lexislativa pretende fomentar a conservación, investigación e a sutentabilidade das especies propias e das masas de frondosas que están aínda sen inventariar, algo que se tiña que ter feito hai xa 25 anos. Apostar polo seu aproveitamento sostible nos montes veciñais en man común, nos montes de xestión pública, ademais de incentivar que os particulares tamén aposten polo bosque galego e os seus recursos e servizos. Proponse tamén unha reserva ecolóxica para bosque nativo en plantacións forestais do 30% en eucaliptais.
-Moratoria ao eucalipto
Entre as propostas da nova normativa recóllese o decreto de moratoria para as novas plantacións de eucalipto, xa que esta especie ocupa máis de 500.000 Ha en todo o país e xa que sobrepasou en máis do dobre da superficie o límite máximo de capacidade establecido para esta especie no Plan Forestal de Galicia vixente. Tamén se propón a súa eliminación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico. A ILP propón ademais a prohibición do eucalipto nitens, por estar considerado en informes do propio Ministerio de Medio Ambiente unha especie exótica altamente invasora e perigosa, así como a plantación doutras especies exóticas invasoras que atentan contra a nosa biodiversidade.
-Loitar contra os incendios forestais
Por outro lado, a intención da ILP proposta no Parlamento é a de intensificar os labores de prevención dos incendios forestais e evitar novas vagas de lumes que cada vez serán máis intensas por efecto do cambio climático, se non facemos nada para frealo. Para iso propón aumentar as distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas ou vías de comunicación. Tamén favorecer labores de silvicultura que rachen coas masas monoespecíficas de eucaliptais, entre outras medidas.
-Favorecer o asentamento no rural
A ILP pretende contribuír ao asentamento das persoas no rural, que a xente que queira vivir nel poida ter acceso á terra e vivir dos seus produtos e recursos de forma sostible, que estes poidan quedar para as novas xeracións, loitando de forma eficaz contra o lume e sen ser dependentes das industria. Segundo Elías Somoza da FRUGA, entre 2013 e 2016 perdéronse en Galiza 34.000 Ha de superficie agraria útil e tamén se perderon máis de 27.000 explotacións nos últimos 10 anos.
Proponse, así mesmo, o fomento da silvicultura para a produción de madeiras de calidade, o apoio de iniciativas de transformación de produtos do bosque e axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas.
MESAS DE RECOLLIDA
As entidades promotoras porán en diversos puntos da cidade e da provincia mesas de recollida de sinaturas. Hoxe mesmo, ás 17 horas, recolleranse sinaturas no Mercado da Terra, na Praza de Abastos de Lugo.
O prazo para acadar o número de sinaturas mínimo (10.000) para que o Parlamento admita a debate a ILP será o 24 de marzo, mais o noso obxectivo é superar esa cifra.
Animamos á sociedade lucense a apoiar esta ILP coa súa sinatura. Poderanse obter pregos de sinatura nos locais de CIG, FRUGA e ADEGA en Lugo.










A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



