Lugo, 16 de febreiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que os cambios previstos na Lei 8/2008 de Saúde de Galicia incrementarán a participación social no ámbito sanitario.
Balseiro afirma que a modificación que se está a tramitar prevé a creación de 14 distritos que contarán, cada un deles, co seu Consello Asesor. En resposta ás informacións aparecidas hoxe na prensa sobre o futuro do consello do Hospital da Costa, o delegado asegura que a representación deste Consello Asesor terá un carácter máis plural e terá un desenvolvemento normativo posterior.
Pero ademais, explicou o delegado, “elévase a rango de Lei o Consello Asesor de Pacientes, que ata o de agora non estaba regulado. Así, o número total de entes de participación social regulados por lei mediante esta modificación pasa de 12 a 23”.
O delegado incide en que a participación plural dos axentes sociais no ámbito da sanidade pública “está garantida e mesmo se verá mellorada, porque os cambios que o Goberno galego vén de presentar no Parlamento de Galicia na Lei de Sanidade conducen a un sistema máis sólido, con máis beneficios na atención e asistencia aos pacientes”.
De feito, engadiu, “grazas a esta modificación, recóllese nunha norma con rango de lei a permanencia dos hospitais comarcais”.
Achegarse á cidadanía
A Xunta destaca que o mapa sanitario vixente en Galicia, de hai máis de 30 anos, non coincide coa realidade do funcionamento do Sergas hoxe, que conta con 7 Xerencias de Xestión Integrada e 14 complexos hospitalarios. Coa modificación, consolidarase o modelo de integración para facilitar o acercamento dos profesionais á cidadanía que, dende o 2011, fixo posible que se evitaran máis de 260.000 desprazamentos, posto que os enfermos foron atendidos nos hospitais máis próximos ao seu domicilio, nos hospitais comarcais.
En consecuencia, o Goberno galego considera que, despois de 10 anos de vixencia da lei, faise necesaria unha actualización para garantir e ampliar o sistema público de saúde, ademais de continuar na procura dunha óptima utilización dos recursos e unha atención mellor e máis eficiente aos pacientes.