Lugo, 6 de marzo de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou que o Executivo Provincial aprobou este martes na sesión da extraordinaria da Xunta de Goberno un novo investimento de 2,6 millóns de euros na mellora de estradas da provincia, e na promoción turística e deportiva lucense. Son, por unha banda, 1,8 millóns de euros para mellorar 34 quilómetros de 16 estradas provinciais que discorren por Paradela, Ribas de Sil, Cospeito, Pol, O Corgo, Quiroga, Castro de Rei e Ribadeo; así como 740.000 euros na promoción do deporte, coa renovación dos contratos de patrocinio co CD Lugo e o CB Breogán, que posúen un marcado carácter social e turístico.
1,8 millóns para estradas
Listaxe das 16 estradas onde se melloran 34 quilómetros con 1,8 millóns: en Paradela, acondicionamento de 3 quilómetros da LU-P-4201, dende Pacios a Mosteirovello, e da LU-P-4202, de Aldosende-Currelos; en Ribas de Sil, acondicionamento de 3,1 quilómetros da LU-P-5301 de San Clodio ao Alto da Cruz; en Cospeito, acondicionamento de 1,8 quilómetros da LU-P-6501 de Vilalba a Feira do Monte; en Pol, acondicionamento de 2,2 quilómetros da LU-P-4601, que vai de Fonfría a Pol por Rioxan, e dun treito do Cinto Comarcal (LU-P-1611); no Corgo, acondicionamento de 4,7 quilómetros da LU-P-1603 de Gomean a Maceda, LU-P-1605 de Cabreirós a Arxemil, e LU-P-1608 na Campa, Farnandeiros-Quinte; en Quiroga, acondicionamento de 2,2 quilómetros da LU-P-5001 dende Ponte Barreiro a Vilarbacu, e LU-P-5005 dende o Alto de Aldriz a Vilar de Lor; en Castro de Rei, acondicionamento de 4,6 quilómetros da LU-P-1109, de Cornide e Arcos, e da LU-P-1107 de Castro a Rábade;- en Ribadeo, acondicionamento de 11,2 quilómetros da LU-P-5203 de Cedofeita, Couxela ata a antiga estación; da LU-P-5204 de Cedofeita, Arante e Regocorto, e da LU-P-5205 de Porto a Vilaosende.
Lembrar que nestes intres, e dentro da aposta do Goberno por reivindicar unha Deputación coas persoas, social, e rural, hai aprobadas inversións por valor de 14 millóns de euros para realizar melloras en 240 quilómetros de estradas de 53 Concellos, co fin de mellorar as infraestruturas que dispoñen os veciños da provincia, especialmente no rural, e reivindicando a igualdade de oportunidades vivas onde vivas.
Promoción turístico-deportiva
A Xunta de Goberno acordou renovar os contrato de patrocinio do CD Lugo e o CB Breogán, que posúen un marcado carácter social e turístico. Son un total de 740.000 euros, 340.000 euros para cada entidade, que servirán para dinamizar socialmente a provincia, pois ambos clubs se comprometen a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro; así como a promoción de Lugo no seu conxunto ao longo do territorio nacional e daranse a coñecer os recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos de todas as comarcas lucenses.