Ribadeo, 10 de marzo de 2018. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organizou unha nova fin de semana tecnolóxica en Ribadeo. No curso de soldadura TIG, que se desenvolve en Talleres Cartoy este sábado, participan quince persoas. É impartido polo profesor Andrés Álvarez, do Centro Integrado de FP de Avilés. Deu comezo ás dez da mañá e rematará ás oito desta tarde.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, subliñou que “estes cursos de soldadura están tendo unha acollida impresionante. Estase quedando bastante xente fora. Veremos a ver como podemos máis adiante programar outros. Están cumprindo os obxectivos previstos e a xente está marchando cunha boa satisfacción”. Desde xaneiro son xa tres os cursos de soldadura, que organizou a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia.
Doural considera que “se reúnen as condicións adecuadas, unhas boas instalacións, uns bos equipos e un excelente profesor que realmente aporta grandes cousas. Está servindo para que todos estes técnicos de empresa, das firmas de aquí da zona, poidan perfeccionar a súa técnica e coñecer novos procesos de soldadura. Creo que se está facendo un traballo moi importante”.
APAGA perfila tamén as vindeiras fins de semana tecnolóxicas nas que se abordarán cuestións como os aparatos de medida ou o son.
