Foz, 16 de maio de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez, participaron nos actos organizados co gallo do 30 aniversario da ACIA de Foz.
Coa súa presenza quixeron transmitir o apoio do Goberno galego a todas as iniciativas de asociacionismo, dinamización e impulso comercial impulsadas por esta entidade que, segundo recoñeceron nas súas intervencións, é unha das máis dinámicas da provincia e como tal, contan sempre co respaldo da Xunta.
Os representantes da administración galega puxeron en valor o papel protagonista que as e os profesionais autónomos, comerciantes e empresarios tiveron á hora de converter á Mariña lucense nunha das comarcas máis puxantes da provincia e que exemplificaron na figura homenaxeada neste mesmo acto, Jesús Fernández, como un dos fundadores desta asociación de comerciantes.
A Xunta dixo tamén que ademais de avanzar en novas ferramentas para facer máis áxiles e rápidos os trámites burocráticos (como a substitución das licenzas polo trámite de declaración responsable) comprométese a seguir apostando por potenciar espazos en auxe como o turismo, que multiplica as posibilidades de compras e a actividade comercial, para o que son valiosas ferramentas como o museo virtual inaugurado recentemente polo presidente Feijóo no CENIMA de Foz ou a creación, a petición da Xunta, dunha xerencia de Turismo na Mancomunidade.
Desde a administración autonómica constaron que A Mariña funciona como unha auténtica “cidade lineal” onde o asociacionismo do comercio de proximidade e a promoción de iniciativas conxuntas segue a xogar un papel esencial para que vilas e pobos estean cheos de actividade, “o comercio é a auténtica alma dos municipios”.