Burela, 8 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, fai un primeiro balance positivo das XXV Xornadas Técnicas Expomar, que se celebraron a pasada semana na confraría de pescadores. En breve a Fundación Expomar manterá un encontro para analizar todo o acontecido ao longo deses dous días.
O rexedor burelés dixo que “feita unha primeira valoración do que foi Expomar nesta edición de 2018 que foi o 25 aniversario, os días 3 e 4 deste mes, dicir que estivemos moi contentos porque o día 3 foron abordados temas orientados ao profesional do sector, como lle vai afectar o brexit, a normativa do Cantábrico e os descartes, penso que houbo moi bo nivel nas intervencións e na participación, polo tanto estamos contentos co que se fixo”.
Alfredo Llano comenta que “o día 4 foi todo orientado ao público en xeral para favorecer que a xente que somos consumidores de peixe teñamos certa idea de cómo se fai a trazabilidade, qué peixes son os máis consumidos, como se pescan, como se traen ao porto e como se levan do porto aos puntos de venta”.
O alcalde burelés subliñou que “estamos satisfeitos de ter feito tanto o día 3 como o día 4 estas xornadas, ademais penso que é unha boa idea favorecer ao sector porque son para el e a Fundación Expomar está traballando para estar sempre na vangarda da temática que poida importar, pero tamén queríamos abrilo a todo o público para que tivese unha cultura do que é o mundo do mar”.
Alfredo Llano relatou que “o día 3 houbo moito público. E no encontro empresarial quedou reflectida a preocupación do sector, que fixeron pública a través das súas conclusión, foron cinco propostas as plantexadas polas diferentes institucións e organizacións. O venres pola tarde non houbo a cantidade de xente que nosoutros queríamos que tivese esa cita, é unha pena que non se aproveitaran por parte do público en xeral estas charlas que foron dirixidas á información de cómo nos favorece o consumo de peixe”.
O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar anunciou que “en pouco tempo imos reunirmos a Fundación Expomar. Imos tratar de ver aquilo que nos resultou moi positivo e insistir niso, e tamén tratar de ver como serían as mellores posibilidades para que a xente en xeral, tanto do sector como o público que nos gustaría que asistira, como podemos motivar que veña. A satisfacción é grande, tivemos bo acerto en traer os poñentes que trouxemos, que non foi fácil, e despois en responder ao que son as preocupacións hoxe do sector pesqueiro”.