Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a concesión dos Premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2016/17, entre os que se recoñecerá o traballo de dous estudantes da provincia de Lugo, do total de 23 galardóns concedidos.
Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180611/AnuncioG0164-040618-0002_gl.html ), os premios van dirixidos a mozas e mozos que teñen cursado estes estudos no curso 2016/17 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial u modalidade a distancia) e que os remataron cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos.
Os alumnos galardoados na provincia son Ana Aranzazu Incera Ares (familia profesional de Sanidade), do burelense IES Monte Castelo; e Estefanía Villasante Vázquez (familia profesional de Comercio e márketing), do CIFP As Mercedes (Lugo).
O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.
A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior