A Mariña 31-7-18. O grupo mariñán Tumba e Dálle presentaba ao público o pasado domingo 29 o seu primeiro videoclip, a “Xota Mariñá”. O acto, que se levou a cabo nunha ateigada Praza de Rinlo (Ribadeo), serviu ademais para presentar o novo logo do grupo así como novas pezas do seu repertorio. Conducido por Anxo Rivas, de RadioFoz, fíxose tamén un repaso da traxectoria do grupo así como se foi falando de cómo xurdiu a idea do videoclip, como se foi xestando e como se realizou. Neste senso mesmo se emitiu tamén un video de cómo se fixo, con tomas falsas que fixeron a delicia do público.
Se ben xa na propia presentación a resposta do público tras a primeira emisión do videoclip non puido ser máis positiva, a repercusión que este está acadando nas redes está superando con creces todas as nosas expectativas.
Porque se o domingo era a presentación pública, onte luns foi o lanzamento mediático do mesmo nas diversas redes sociais das que o grupo dispón. A resposta non puido ter sido máis positiva pois logo de apenas 24h colgado o video conta xa con máis de 2300 visitas. No video ademais da propia música, destacan as paisaxes do pintoresco pobo de Rinlo e arredores, que unha parella vai descubrindo a pe ou en bicicleta, para rematar bailando ao ritmo da xota aos pes da “segunda cetárea” nunha impresionante posta de sol.
Dende o grupo agardan que esta sexa unha boa lanzadeira para acadar visibilidade no sector e que lles poida abrir as portas dalgún que outro festival, evento etc.
Podes ver o vídeo neste enlace
https://www.youtube.com/watch?v=gDAVuhTl4P8&list=UUCHVD66uySWAztIGReLTxVw