O Valadouro 7-9-18. Éxito completo sen excepcións na Semana do Teatro que promove a Delegación de Cultura do Concello do Valadouro liderado polo edil nacionalista Eduardo Chao e n colaboración co Plan Único da Deputación de Lugo. Arredor de 1500 persoas foron o público que encheu e desbordou as previsións de aforo do Salón de Actos da Casa da Cultura Manuel Lourenzo en Ferreira de Valadouro.
Sorprendentes, pola súa novidade e porque eran as primeiras funcións, o grupo Bule Bule fusión-teatro coa obra “Xente con xente” . Esta agrupación é o resultado de unir a membros do grupo teatral Raiolas de Alfoz con actores procedentes de os Trangalleiros de Lourenza.
Un caso moi semellante en canto a elevar as expectativas creadas foi a asociación Os pícaros de Lagoa que a integraban homes e mulleres afeccionados ao teatro procedentes da alfocense parroquia de Lagoa e encabezados polo veterano e incomparable Cachín, cara habitual en varias formacións da bisbarra. A súa proposta foi Azoreira, República independente que deixou moi bon sabor no patio de butacas de Ferreira.
Un dos convidados estrela a esta semana, foi o Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros coa súa peza Enciclopedia Álvarez, unha crítica e recreación humorística da educación escolar na época do franquismo. Unha obra que chegaba por primeira vez a Valadouro despois dunha ampla xira por diferentes localidades e precedida de inmellorables referencias de crítica e público que se viron confirmadas este pasado mércores coa longas aclamacións e aplausos da xente congregada na sala.
Por último dous grupos que teñen como denominador común a dirección de o laborioso e polifacético Francisco Piñeiro que se desdobla ao frente de O Bordelo de Cervo e Adala de Fazouro.
Ambos elencos son unha aposta segura de emoción e risas ante un público de valadouro que sempre conta entre os seus favoritos o traballo destes teatreiros ao longo xa de moitas edicións da Semana do Teatro de Valadouro.
